Paz Leirós, escritora: «Estamos nunha época perigosa porque se está como branqueando a ditadura»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

SANTIAGO CIUDAD

Paz coa súa novela no parque de San Lázaro de Ourense
Paz coa súa novela no parque de San Lázaro de Ourense Miguel Villar

A escritora presenta a súa primeira novela, «Y tú, por qué quieres hablar de eso», ás oito no Liceo

28 mar 2023 . Actualizado a las 17:52 h.

Aínda que naceu en Santiago en 1954, a autora Paz Leirós ten unha estreita relación con Ourense. Nesta cidade viviu durante máis dunha década. Aquí naceron os seus fillos e garda moi boas amizades. Estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela e foi profesora no instituto Rosalía de Castro ata 2018. Di que sempre lle gustou ler e, dalgunha maneira, tamén escribir. No 2015 publicou Un fidalgo no cambio de século. Pedro Ventura de Puga e o pazo de Fontefiz, sobre a historia de este aristócrata e desta construción ourensáns. Agora acaba de dar a luz unha novela, Y tú, por qué quieres hablar de eso, escrita esta vez en castelán e ambientada en Santiago. A presentación en Ourense será esta tarde no Liceo a partir das oito da tarde.

—Por que unha novela?

—A historia é fundamental, a min gústame moitísimo e é básica para entender quen somos e de onde vimos, pero a literatura permítenos ir a o mundo das emocións. Eu quería saber por que no 1936 houbo xente que apoiou o golpe de Estado, quería atopar esas razóns e esa foi a orixe do libro.

—Aí comezou a documentación, pero esta obra ten parte de imaxinación...

—Si, pártese dun relato de infancia pero despois imos desmigando o que mostran os feitos. É unha historia coral porque hai moitos personaxes que falan dende distintos puntos de vista, era o que quería, escoitar distintas voces de persoas que viviron o golpe dunha maneira ou doutra dependendo de como estivera na sociedade. Agora estamos nunha época perigosa porque se está como branqueando a ditadura. A xente esquece o que significa esa situación e penso que é moi importante recordalo. Mesmamente como era a vida das mulleres cando Franco tiña todo o poder, dependentes absolutamente dos seus maridos á hora de viaxar, de manexar os seus bens...

—Que ten que ver con Santiago?

—Compostela é simplemente o escenario da obra. Os personaxes son de alí. Pero podería acontecer en Ourense, en Lugo, en calquera outra cidade de provincias, na que o clasismo fose notorio.

—Que pensa que é o que lle vai resultar máis curioso ao lector?

—Sinto que é unha novela que se le ben, moi fluída, e que deixa silencios entre o que conta e o que non. Gústame que os lectores teñan a capacidade de imaxinar. E sobre todo leva á reflexión de por que houbo moitas persoas que apoiaron o golpe de Estado.

—Que sinte a uns días de presentar a novela en Ourense?

—Hai unha poeta que di que escribir é agradecer e penso que é así. Para min é a maneira de compartir e o que non comparto, non existe. Esta presentación é un lugar de encontro cos lectores e faime moita ilusión porque será un lugar para falar e escoitar, que cada vez parece que o facemos menos.