Falece aos 87 anos o poeta e escritor Salvador García-Bodaño

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

CESAR QUIAN

Integrante da Real Academia Galega, prevese que os seus restos mortais sexan velados no Museo do Pobo Galego

07 mar 2023 . Actualizado a las 22:41 h.

O poeta e escritor Salvador García-Bodaño Zunzunegui finou na pasada madrugada no seu domicilio familiar no concello de Teo. Membro da Real Academia Galega dende 1992, a súa obra poética abriuse con Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967), sendo o inicio dunha prolífica traxectoria que incluíu tamén narrativa, ensaio e traducións.

García-Bodaño foi un dos fundadores do Museo do Pobo Galego, onde se prevé instalar a capela ardente para velar os seus restos mortais.

Nado en Teis (Vigo), en xullo de 1935, os seus pais trasladáronse ao pouco do seu nacemento a Santiago de Compostela, cidade na que en marzo do 2015 foi homenaxeado co seu nomeamento como fillo adoptivo e recibindo a súa medalla de ouro, por «a súa relevancia e a súa implicación na vida cultural de Compostela e de Galicia», suliñaba a corporación. García-Bodaño definía a Santiago como unha cidade «á que dei en querer tanto como á amada beiramar do meu nacemento», e a ela adicou boa parte da súa produción poética.

A RAG expresou o seu fondo pesar polo pasamento do poeta, académico de número da institución, aos 87 anos de idade, e a quen definen como «unha das figuras máis singulares e anovadoras da promoción dos 50». Engaden que «soubo, coma poucos, erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facen do canto un abeiro libertador, autentificador», en palabras de quen fora compañeiro de xeración e tamén académico Arcadio López-Casanova (1942-2022). De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, entre libro e libro colaborou en revistas e distintos volumes, mantivo unha intensa produción xornalística, cultivou a tradución e foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura, sinalan dende a RAG, na que foi vicesecretario entre os anos 2001 e 2009 durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro.

Integrante da xeración das Festas Minervais, certame universitario no que foi premiado en distintas ocasións, Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967) foi un poemario cun marcado intimismo que caracterizaría toda a súa produción poética: «Nestas páxinas confluían xa o existencialismo e o galeguismo, dúas correntes fundamentais que marcaron unha traxectoria poética que tematicamente centrou no amor á terra, á Galicia que lle deu nome ao poema que abre este volume; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal», suliña a Real Academia Galega. Tempo de Compostela (Edicións do Cerne, 1978) obtivo o Premio da Crítica de Poesía Galega. En narrativa, Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia, 1992) foi Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993.

García-Bodaño participou en diversos proxectos culturais dende a mocidade, comprometido politicamente a prol da democracia dende os anos do franquismo. Foi membro fundador da Asociación Cultural O Galo en 1961, e formou parte do Consello da Mocedade e do núcleo promotor do Partido Socialista Galego en 1963. En 1980 foi cofundador e directivo da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega, e tamén presidente do Ateneo de Santiago. Tamén foi integrante do Seminario de Estudios Galegos e patrón-fundador do Museo do Pobo Galego, entre outras institucións.

Recibiu galardóns como o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988) e a insignia de ouro da Universidade de Santiago (USC) no 2021. Ademais, os seus versos de «Compostela, soño de pedra no tempo», incorporáronse en novembro do 2020 ao Xardín das Pedras da Biblioteca da USC, e foi nomeado presidente honorario do Ateneo de Santiago no 2021.