María Rozas, candidata de Compostela Aberta á alcaldía: «Estase vendo que políticas de CA moi criticadas non foron tan equivocadas»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

Afirma que o goberno de Bugallo «déixase levar e non ten iniciativas»

04 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

María Rozas (Santiago, 1981) aspira por primeira vez á alcaldía por CA, aínda que ten experiencia de xestión como concelleira de Facenda no goberno de Noriega. Defende que Santiago necesita un modelo de cidade «actual», non o «de hai 30 anos» que achaca a Bugallo, e por tanto que é necesario un cambio de goberno, pero máis aínda de políticas, porque as «receitas resesas non funcionan, e este goberno deixándose levar, tampouco». Rozas deixa calquera hipótese de entendemento na esquerda para despois das eleccións e insiste en que o goberno de Bugallo vive da «inercia de proxectos de CA».

—O caso Pichel acabará finalmente na Fiscalía, xa sexa por iniciativa do PP ou do Concello.

—O mellor xeito de aclarar todo é que o propio goberno envíe todo o expediente á Fiscalía canto antes. Porque hoxe cúmprense 20 días desde que CA denunciou esta situación, e neste tempo faltou moita transparencia por parte do goberno e de Bugallo. Non reaccionaron a tempo, e iso xera máis dúbidas entre a veciñanza. Por iso pedimos tamén acceso á investigación interna anunciada por Bugallo, da que tampouco nada máis soubemos.

—Entenden que o goberno ten moitas explicacións que dar aínda?

—Moitas. De feito pedimos que nos respondan por escrito as preguntas que non nos responderon no pleno. Hai cuestións que seguen sen aclararse. Pichel desfíxose das accións que tiña na empresa despois de terse iniciado e aprobado en Xunta de Goberno a adxudicación do contrato. Pero hai outras: por que no informe de necesidades aparece a súa firma xunto coa de Mila Castro e os técnicos e no que vai á Xunta de Goberno a del desaparece? Non parece só un erro. Por que a directora da área de Benestar Ambiental di nun informe que a proposta para o alugueiro da nave se fixo a petición da alcaldía? Si, hai que buscar explicacións e depurar responsablidades. Non digo que haxa máis responsabilidades políticas, pero si que aclarar o que pasou para que non volva acontecer.

—As enquisas, de momento, perfilan unha posible coalición de esquerdas na que CA perdería representación.

—CA é unha forza consolidada, as enquisas danlle un número de concelleiros similar a agora e hai marxe de mellora. Esa é a sensación que recibimos dos veciños. E en catro meses poden pasar moitas cousas. Hai un desgaste e unha decepción moi grande co PSOE e o tempo dá e quita razóns. Estase demostrando que políticas moi criticadas entón de CA igual non foron tan equivocadas. Nós fomos valentes nalgunhas que nos pasaron peaxe electoral. Fomos valentes coa taxa turística, que nos tacharon de turismofóbicos, e agora Bugallo recuou e deféndea; coa intermodal Bugallo tiña unha opinión catastrófica e ao final o convenio que hai é o noso. Co tempo vense as cousas de xeito diferente e en Santiago agora mesmo existe unha decepción moi grande co actual goberno e unhas ganas de recuperar a ilusión e o pulso. Este goberno estase deixando levar e non ten ningún tipo de iniciativa.

—Estase presentando como candidata co lema «Falemos do que importa». Que é o que importa?

—Pois facer políticas centradas nas persoas. Políticas pensadas nas familias, educativas, de conciliación, que teñan en conta a situación dos centros educativos; políticas sociais, urbanísticas tamén, pensadas en que Santiago sexa o mellor lugar para vivir. Políticas de mobilidade: temos un problema tremendo de mobilidade e seguimos co mesmo modelo de hai trinta anos; e tamén recuperar ese lugar cultural apaixonante do que todos nos sentimos orgullosos, esa cidade na que sempre foi posible ter unha alternativa cultural a prezos asequibles. E ese impulso cultural, a pesar do moitísimo talento que hai en Santiago, estase perdendo, non se está facendo nada por recuperalo. E pensar no rural.

—Terán primarias para elixir o resto da lista, como no 2019?

—Nesta ocasión non. Fixémolas para elixir ao candidato, se ben é verdade que ao final houbo unha candidatura de consenso. O resto da lista será aprobada por asemblea a proposta da candidata acordada coa coordinadora.

—As de entón trastocaran a orde que prevía Noriega. Obedece a iso?

—Non, obedece a momentos políticos diferentes. Foi un cambio que decidiu a xente de CA. Cada organización para o momento político concreto toma as decisións que considera oportunas para buscar a mellor proposta de lista.

«Hai alternativas para o Peleteiro, pero non se escoitaron»

CA quere que Bugallo explique o grao de cumprimento do seu programa electoral e defende a súa posición sobre o Peleteiro.

—Pídenlle contas ao alcalde do grao de execución do seu programa electoral. Non temen que poida ser unha arma de dobre fío?

—En que sentido?

—No de que el faga tamén repaso do cumprimento de CA.

—Ah, pois gustaríame que fose nese sentido. É interesante para a veciñanza coñecer en que quedaron esas promesas, porque a sensación desta é de incumprimento: que se sacou adiante, cal foi o avance de Santiago? No balance do 2022, o alcalde destacaba o avance do orbital, que iniciou a licitación con CA; da intermodal, convenio tamén de CA; e da EDAR, cando a solución que hai é a de CA. Se o que ten son tres infraestruturas que xa estaban encamiñadas no 2019, creo que ten que dar moitas explicacións sobre o cumprimento das súas promesas.

—Non é nada usual pedir esas contas a través dun pleno.

—Pois tal vez haxa que ser innovadores. Para políticos que fan sempre o mesmo xa levamos 30 anos. Cando vas polos barrios, os veciños ao final preguntan que hai diso que prometeu o alcalde?

—O comercio do Ensanche quedou moi desgustado coa súa posición final co plan para o Peleteiro. En maio dixeran que o ían apoiar.

—Non apoiamos nós, nin o BNG, o PP, os veciños de República Arxentina e A Rosa. Nin a propiedade. Centralizar a falta de apoio en CA é unha visión moi parcial.

—Era con quen se negociaba.

—Tamén negociaron co BNG.

—Pero el non era determinante.

—Seino, pero sempre fomos claros. Queriamos consenso cos veciños e seguridade xurídica cun acordo coa propiedade, como había no 2019. Ao mellor o que faltou polo goberno foi capacidade de escoitar. Se non houbese alternativas poderiamos dicir que é a mellor opción posible aínda que cause prexuízos aos veciños. Pero hai alternativas, o que non houbo foi intención de escoitalas. Hai propostas que valen a veciños e comerciantes, a do 30-30 [apertura por igual ás dúas rúas] por que non se aposta por esas?