Publican textos de García Martí nos que converte a Rosalía en guía de Santiago

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

Arantxa Fuentes é a autora da publicación editada polo Concello de Santiago
Arantxa Fuentes é a autora da publicación editada polo Concello de Santiago Sandra Alonso

O Concello de Santigo editou unha tirada de mil exemplares

02 feb 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

O Concello de Santiago editou unha tirada de mil exemplares de «Un paseo singular por Compostela», que recolle dous textos do escritor e humanista Victoriano García Martí onde converte a Rosalía de Castro en guía turística pola cidade de Santiago. A publicación inclúe tamén unha breve biografía de García Martí e o trazado dos roteiros pola zona monumental.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou onte o volume acompañada pola autora, Arantxa Fuentes, profesora de Filoloxía na USC. Con este libro dunhas 40 páxinas, asegurou Rosón, continúa co recoñecemento á figura de García Martí. Resaltou, citando o texto de Fuentes, que nas páxinas da publicación se «unifica a querenza que García Martí profesou pola cidade de Santiago, á que dedicou numerosos ensaios e artigos, coa que profesou pola figura rosaliana». Rosón animou á veciñanza a percorrer os dous roteiros.

Arantxa Fuentes destacou o texto no que García Martí «colle literalmente a figura de Rosalía e a ficcionaliza, converténdoa nunha guía turística. Unha proposta de homenaxe á escritora e de difusión dos seus versos, moi moderna para a época».

O Concello fixo unha edición de cincocentos exemplares en galego e outros tantos en castelán, que están dispoñibles na oficina de Turismo de Santiago e na Zona C. A publicación de «Un paseo singular por Compostela» forma parte das actividades previstas pola concellería de Acción Cultural con motivo do Día de Rosalía, que se celebrará o vindeiro día 23.