Miguel Viaño, copropietario do Rei do Bocadillo de Santiago: «Este negocio sacou adiante dúas familias con nove fillos en total»

Irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Montaña e Viaño dirixen o establecemento que se mantén desde finais dos anos setenta. Sandra Alonso
Montaña e Viaño dirixen o establecemento que se mantén desde finais dos anos setenta. Sandra Alonso Sandra Alonso

Actualmente consomen ata 800 quilos de patacas á semana, «unha burrada», din

30 ene 2023 . Actualizado a las 23:35 h.

Cúmprense corenta anos desde que Miguel Viaño Illodo (Ames, 1952) colleu O Rei do Bocadillo, en sociedade co seu cuñado Carlos Montaña Mosquera. O popular establecemento, emprazado na rúa de Rosalía de Castro, na esquina con Montero Ríos, ten hoxe tanta vitalidade como na súa orixe. «Estamos traballando como antes da pandemia. Logo daqueles meses de confinamento, xa remontamos facendo comida para levar. O que si mudou foi que xa non recuperamos as mesas, porque cos aforos tan reducidos nun espazo escaso como o noso, decidimos despachar na barra e apostar polos domicilios. Ademais, como temos a cafetería Lembranza —aquí ao lado, que a collemos en 1995—, quen queira sentar a comer, pode facelo alí, xa que a cociña é a mesma, e todo se fai aquí», explica Viaño.

Teñen sona os seus bocatas de xamón asado, luras e tortilla, pero o polo asado é un manxar moi solicitado. «Veñen familias con nenos os domingos, que lles din aos pais que o polo ten que ser de aquí, algo que a min me resulta curioso. É certo que hai un pequeno secretiño no que lle facemos ao caldo, pero tampouco é nada especial. E temos clientes que veñen cos seus netos», segundo manifesta con orgullo.

O Rei do Bocadillo despacha entre setecentos e oitocentos quilos de patacas á semana. «Unha burrada», comenta Viaño. E o xamón asado supón entre dez e doce quilos cada día. Así e todo, hoxe non saen tantos bocadillos como nos primeiros anos: «Ao principio vendiamos arredor de seiscentos diarios, pero axiña ampliamos a oferta a pratos combinados e, coa competencia de agora, xa non saen tantos bocadillos». Pero apresúrase a dicir que este negocio sacou adiante dúas familias. El ten sete fillos —máis ben fillas, porque só ten un fillo varón— e o seu socio, Carlos, dúas. «Agora somos cinco autónomos e trece empregados, incluíndo os dous repartidores que temos. Miña muller, Lucía, é a alma mater da cociña», indica o veterano hostaleiro, que no último ano houbo de pelexar coa desbocada inflación.

«Pagabamos menos de 1.000 euros por cada dous meses de gas, e pasamos a 3.000. O polo estaba a 2,95 euros o quilo e agora anda polos 3,50. O litro de aceite pasou de 1,80 a 3,40. E a ducia de ovos subiu de 1,10 a 2,20. A carne está aguantando. E a luz, agora, seica está un pouco máis moderada», explica con detalle, e engade que o ano pasado tiveron que subir os prezos en torno a un 6 ou 7 %. «Tíñalle algo de medo á suba, pero non houbo ningunha protesta. A xente non dixo nada», recoñece con naturalidade.

Viaño, natural da parroquia amesá de Tapia, segue residindo no rural. «Gústame vivir na aldea, sempre estivemos alí. Cando se produciran aquelas tractoradas e vin Santiago colapsado, caíanme as bágoas. Nunca pensei que o campo se rebelase daquela forma loitando polos seus dereitos», subliña este home, que antes de dedicarse á hostalaría, traballou en Feiraco (hoxe, CLUN), abrindo el as delegacións de Santa Comba e Camporrapado.

Miguel estudou no IES Xelmírez e no colexio La Salle, etapa da que garda «boas» lembranzas. É fillo de Maximino Viaño García, histórico presidente do Consello Regulador de Ternera Gallega e cronista oficial de Ames. De seu pai di que era un «adiantado ao seu tempo: ía vinte anos por diante», e agrega que, aos seus 95 anos, está ben de cabeza, pero xa non ve. «Aínda mantén o seu Facebook. Primeiro dita o que quere dicir á coidadora, logo iso corríxeo miña filla Beatriz —xornalista de TVE destinada en Colombia— e logo o publica», destaca do seu pai, todo un referente do mundo rural galego.

O Rei do Bocadillo. Naceu en 1977 e no 83 collérono Miguel Viaño e Carlos Montaña, cuñados. Non quedan moitos establecementos de hostalaría na cidade sen que cambiasen de mans durante tanto tempo. «Antes o mellor mes era xullo, agora é agosto; pero en xeral son todos moi parecidos en clientela. E temos a impresión de que sempre hai estudantes», declaran.