Goretti Sanmartín, candidata nacionalista á alcaldía de Santiago: «Está a man do BNG dar un sorpasso e liderar un goberno de esquerdas»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

«Un goberno dividido, á forza, é ineficaz», di do executivo de Bugallo

28 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os composteláns decidirán o novo goberno municipal o vindeiro 28 de maio. As enquisas prognostican unha alza do BNG —ata os cinco edís—, o que lle vale á súa candidata, Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964), para apuntar que «este é o momento do Bloque» tamén en Santiago. Sanmartín vese na alcaldía, «perfectamente», di, liderando un goberno de coalición. Bipartito ou tripartito é o de menos, pero «canta máis xente sexamos capaces de implicar nun proxecto para a transformación da cidade, moito mellor».

—Moita tensión estes días en Raxoi polo caso Pichel?

—Si, e provocada polo que entendemos que é unha falta de transparencia absoluta e total do goberno de Bugallo, unha irregularidade manifesta e, sobre todo, un fuxir das súas responsabilidades. É evidente que actuou con ocultación de información, invisibilización. É difícil acreditar a súa tese de que non coñecesen os tentáculos destas empresas que se moven arredor deste contrato irregular. Desde o BNG defendemos sempre a máxima transparencia co diñeiro público e xa solicitamos o cese total da actividade con Desproi e a paralización do pago que estaba preparado a esa empresa. É o mínimo e o que non pode facer o alcalde é practicar o escapismo e non dar explicacións.

—Vostedes din que van a por todas nestas eleccións. Explíquese.

—Pois queremos gobernar este concello desde a alcaldía e ir a por todas significa liderar un goberno de esquerdas. En todas as enquisas vese que o BNG é a forza que sobe. O resto están en descenso. Somos unha forza sólida, rigorosa, con liderado e equipo, a forza que pode transformar esta cidade, devolverlle o orgullo, a dignidade, a recuperación da transparencia e a participación e cremos que imos ser capaces de absorber e recuperar o voto da esquerda desencantada con este goberno.

—Liderar desde a alcaldía suporá superar unhas enquisas que xa apuntan que máis que duplicarán a súa representación actual.

—O que está claro é que o PSOE está no seu momento máis baixo, cun gran desgaste, que o tempo de Bugallo xa caducou e o BNG é experto, ademais, en romper enquisas. Queda tempo por diante, moitas mensaxes que facer chegar... Cremos que está á altura da man ter a posibilidade de dar un sorpasso neste caso e conseguir liderar ese goberno de esquerdas para transformar Santiago de verdade.

—Pois un pacto co PSOE igual require limar antes moitas asperezas. Vostede foi moi dura nas súas críticas polo caso Pichel

—Aquí hai dúas cuestións. O alcalde non pode pechar a crise en falso, enterrar cunha dimisión un caso que creo que para o conxunto da poboación é escandaloso. E outra cuestión é que os gobernos de coalición sempre son bos, significa que ten que haber diálogo, acordos, e un liderado polo BNG sempre vai ser máis transformador. Aquí pódese facer palpable a máxima de que canto máis BNG haxa, mellor lle irá a Santiago.

—Iso dío todo partido de si mesmo.

—Xa, pero hai unha lembranza clara de cando o BNG tivo responsabilidade de goberno de que xustamente as áreas que liderou foron nas que houbo máis impulsos, máis avances, máis transformación. Houbo unha oportunidade xa para o PSOE de gobernar en minoría e o resultado foi unha xestión pésima. Creo que esa oportunidade correspóndelle agora ao BNG.

—E o seu balance desa xestión?

—Foi moi deficiente, con problemas graves de execución, con contratos aínda sen regularizar, como a auga e o transporte, con cuestións de accesibilidade sen cumprir, obras mal planificadas e coordenadas, sen ningún interese por contar coa participación pública (...) e cun sometemento e servilismo a outras administracións realmente inaudito, ata agora que comeza a campaña. Hai que estar no día a día, e un goberno dividido, á forza, é ineficaz, e con este non houbo cambio, mellora. O mito do bo xestor que viña para salvarnos caeu de maneira estrepitosa.

—Cales son as urxencias de Santiago?

—É fundamental axilizar a administración municipal, que entre o equipo técnico e o político haxa maior coordinación e planificación. Facer políticas orientadas á xente que vive e traballa aquí, con iniciativas que promovan a diversificación económica da base produtiva, e contar máis coa USC, á que se lle deu as costas neste período. E tentar que haxa unha cidade accesible, humanizada, que faga políticas en clave feminista, que mire polo mantemento, que dea vida ao casco histórico e procure bos servizos.

«Que haxa un xulgado de violencia de xénero é un clamor»

A aspirante nacionalista defende que a loita contra a violencia de xénero precisa máis medios. «Teñen que ser moitos e máis, por suposto desde o Estado, pero tamén desde a Xunta», di Goretti Sanmartín.

—O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero insiste na especialización dos xulgados do penal e en estender a competencia territorial dos de violencia sobre a muller. Santiago demándao desde hai anos.

—Nós pedimos, e foi ademais unha das condicións que puxemos para apoiar a Pedro Sánchez, que houbese tres xulgados máis de violencia de xénero específicos en Galicia: Lugo, Ourense e Santiago. O de Santiago foi obxecto de diferentes mocións e propostas plenarias aprobadas por unanimidade, así que entendemos que iso é unha urxencia. Fan falta máis recursos, e un deles e tamén todo o que ten que ver cun xulgado de violencia de xénero. Aparte diso creo que tamén e necesario traballar en que se amplíe o protocolo que ten que ver coa necesidade de que as mulleres non sexan revitimizadas cada vez que teñen que facer un proceso de denuncia, pero que haxa un xulgado de violencia de xénero é un clamor. En Santiago levámolo pedindo desde hai moito tempo e esperamos que se cumpra. E xa dixemos en diferentes ocasións que non debería depender tanto das cifras. Hai cuestións que necesitan máis recursos porque deben ser prioridades políticas.

—Está insistindo o BNG para que se cumpra ese acordo con Pedro Sánchez?

—Si, por suposto, insiste continuamente. Hai cuestións que se levaron a cabo, hai cuestións que xa se desenvolveron: o tema que ten que ver coa redución das contías que se paga nas peaxes, houbo algunhas cuestións de melloras nas liñas ferroviarias, pero houbo outras que, como sempre, quedan para atrás, pero que non se acaban así, porque seguiremos pedindo e reclamando do Goberno que cumpra con Galicia.