Entidades en defensa do galego, vasco e catalán homenaxean a Castelao e Rosalía en Bonaval

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

Cedida

Neste 2023 celébrase o centenario do nacemento de Galeusca

22 ene 2023 . Actualizado a las 14:52 h.

O Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval, foi esta mañá o escenario da homenaxe que varias entidades en defensa do galego, do vasco e do catalán lle renderon a Rosalía de Castro e Castelao como exemplos da loita pola pluralidade lingüística e a importancia das linguas minoritarias do Estado. Frances Marco, secretario da Plataforma per la Llengua, lembrou que xusto este 2023 é o ano no que se celebra o centenario do nacemento de Galeusca, salientando que «se temos historia tamén temos futuro». Marco incidiu nos retos que teñen as linguas hoxe en día, adaptándose aos cambios dos hábitos de consumo, ao papel do audiovisual e das pantallas, porque se ben galego, catalán e vasco veñen moi de lonxe, tamén han de ser linguas da modernidade e do futuro.

Paul Bilbao Sarrio, representante de Kontseilua, recordou a historia das relacións entre as linguas propias de Galicia, Cataluña e País Vasco, e lamentou a lectura restritiva que está a facer o poder xudicial sobre a oficialidade das linguas propias.

Finalmente o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, volveu a destacar o centenario do primeiro Galeusca, «diante de Rosalía e de Castelao, exemplos e referencias de compromiso activo coa plena normalización da súa lingua nas circunstancias máis difíciles, renovamos a vontade de mantermos a colaboración recíproca entre as entidades de defensa das linguas dos tres países».

Despois das intervencións musicais de Uxía e Os Trinquetes, Lucía Barreiro pechou o acto destacando a referencia na loita polas linguas de Rosalía e Castelao e a transcendencia até a actualidade da alianza entre os pobos galego, vasco e catalán para conseguir mudanzas significativas no Estado que contribúan á normalización das linguas. No acto estiveron presentes, entre outros, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ou a catedrática de Comunicación Audiovisual e membro da Real Academia Galega, Margarita Ledo.