Encarna Otero, historiadora: «Quedan moitas mulleres por rescatar en Santiago, pronto son esquecidas»

SANTIAGO CIUDAD

Reúne no proxecto «Elas tamén contaron» a figura de 19 referentes femininas
16 ene 2023 . Actualizado a las 09:35 h.Dezanove mulleres vinculadas a Santiago. Referentes en diferentes ámbitos e de distintas épocas. De figuras como Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán a outras moito menos coñecidas pola cidadanía, como a irmandiña Juana de Castro e a pianista Rosita López Comunión. Xunto a elas Pencha Santasmarinas, Begoña Caamaño, Aurora Liste, Consuelo Otero, Daría Vilariño, María del Portal Panisse, Concha Castroviejo, Pura Lorenzana, María Miramontes, Elvira Santiso, Eugenia Oesterberger, Juana de Vega e as irmáns Fandiño Ricart. Todas elas son as protagonistas do proxecto Mulleres en Compostela. Elas tamén contaron. «Son importantísimas, estamos aquí porque elas loitaron antes [...] É unha cuestión de xustiza poñerlle cara e voz», afirma a historiadora Encarna Otero (Santiago, 1950), autora do libro que rescata estas figuras e que conta con ilustracións de Luis Ruiz Padrón. Pero o proxecto vai máis aló da publicación que viu a luz en decembro editada por Patito Editorial con financiamento do Concello de Santiago. Tamén inclúe unidades didácticas, unha serie de vídeos en Youtube, unha exposición de ilustracións que pode verse no Casino e un roteiro.
As rúas toman moita importancia. Non só polo percorrido guiado, que está previsto en febreiro, senón porque as ilustracións sitúan a estas protagonistas en diferentes localizacións de Santiago. Da Alameda á praza do Obradoiro, pasando pola praza 8 de Marzo e a rúa Nova, pero tamén en Conxo, no Restollal e nas beiras do Sar. «Paréceme importante pasear a estas mulleres para recuperar a súa voz, a súa imaxe, e sobre todo, o seu espazo», sinala Encarna Otero. Esa foi a súa decisión cando hai anos desde o Ateneo de Santiago lle propuxeron falar das mulleres de Compostela e o mesmo procedemento seguiu na iniciativa da man Patito Editorial en Mulleres en Compostela. Elas tamén contaron.
Un traballo no que tamén quixo rescatar mulleres de pegada recente «que fixeron tantas cousas, pero que agora están esquecidas». Iso si, trátase todas de mulleres xa falecidas, xa que «se están vivas poden defender o seu traballo». Un dos nomes que lle chaman especialmente a atención a Encarna Otero é o de Rosita López Comunión, «unha muller tan esquecida en Santiago pese a todo o que fixo, non só pola música senón pola Selva Negra, que era dela e do seu marido. Agora xa ninguén se acorda dela. É unha muller que merece unha exposición e que a súa vida dá para unha película ou serie».
Precisamente, loitar contra ese esquecemento é unha das pretensións da historiadora, que leva anos xa visibilizando o papel das mulleres. Da súa autoría tamén son algunhas das entradas que rescatan figuras femininas no Álbum de Galicia do Consello da Cultura. E a súa intención é continuar por esa xeira. «Vou seguir investigando», sentencia. Quedan moitas mulleres por recuperar en Santiago? «Si, quedan moitas mulleres por rescatar. Só hai que fixarse no protagonismo que tiveron ata hai moi poucos anos Begoña Caamaño, que foi xornalista, ou Pencha Santasmarinas...; foron tan loitadoras, tan públicas, e xa están esquecidas. Se elas xa foron esquecidas tan pronto só hai que imaxinarse o que hai detrás de todo iso», responde. E vai máis aló: «No Álbum de Galicia fixen unha biografía de Rosalía Mera porque era unha muller que tiña que estar. Quen se lembra dela? E foi unha muller emponderada, poderosísima, unha das creadoras dunha das empresas máis importantes... e xa ninguén fala dela. Enseguida desaparecemos e iso é gravísimo. Se non temos referentes femininos, para quen miramos?».
Por iso das referencias, unha das cuestións nas que incide especialmente Encarna Otero é nas unidades didácticas de Mulleres en Compostela para que as figuras de parte destas 19 protagonistas chegue á rapazada.
Presentación do proxecto. A iniciativa completa de «Mulleres en Compostela. Elas tamén contaron» presentarase o día 24, ás 19.00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal. En decembro deuse a coñecer o libro, e agora tamén amosarán as unidades didácticas. Os vídeos xa están en Youtube.