A ceramista Laura Delgado gaña o premio Artesanía de Galicia

O. P. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Xoán A. Soler

Coa obra «O mundo do revés, coctelería peliqueira», que combina os vasos tiki polinesios con elementos do entroido tradicional de Ourense

14 dic 2022 . Actualizado a las 11:26 h.

O hotel San Francisco, en Santiago, acolleu a entrega dos premios de Artesanía de Galicia, que recoñecen o talento e o traballo dun sector que suma 3.300 artesáns na comunidade galega, e preto de 800 obradoiros que empregan a 7.800 persoas. O premio Eloy Gesto, unha bolsa de 4.000 euros para formación, foi para Julia Vilariño, quen está á fronte dun obradoiro de sombreirería tradicional en Pontedeume e que suliñou que o galardón será «un empuxón grande para seguir aprendendo» nun sector artesanal ao se incorporou no ano 2018. Pola súa banda, o premio Traxectoria correspondeu a Carmen Riveiro Ferreiro, artesana de Zas que contribuiu a poñer en valor toda a artesanía do liño.

O premio Artesanía de Galicia 2022, dotado con 9.000 euros, foi para O mundo do revés, coctelería peliqueira, da ceramista Laura Delgado, de Cambre, quen amosaba a súa ledicia por recibir o galardón cunha peza que «combina dúas ideas un pouco tolas que tiven unha noite», xa que ela procuraba tomar os vasos tiki de coctelería polinesia «e facelos un pouco nosos. Estiven dándolle un montón de voltas á idea e ao final vin un perfil de máscaras de entroido, e foi o detonante para facer todo isto»: vasos tiki en porcelana decorados con figuras do entroido tradicional ourensano. Foron finalistas Chantos, de Santiago Besteiro Design; In Itinere, de Verónica Moar Cerámica; e Crioulo, de Raíces Nómadas, obradoiro de Ezequiel Franchi.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou no peche da entrega de premios que «a artesanía en Galicia goza de boa saúde», sinalando que os artesáns crean pezas únicas que transmiten en cada unha delas o que é Galicia. Comprometeu a continuidade do apoio a un sector no que a Xunta investiu desde o 2009 arredor de 22 millones de euros.