Laura Insausti, de Ela Diz: «É un orgullo que as clientas, ata de 80 anos, queiran ser as miñas modelos»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO DE COMPOSTELA

SANTIAGO CIUDAD

Paco Rodríguez

Suma fieis dende hai once anos cunha tenda de moda para muller que este mes tivo que trasladar da Rúa Nova á do Vilar ao venderse o edificio. «Moitísima xente pediume que non deixara a zona vella de Santiago», apunta. Na reapertura, non faltaron clientes ata de A Coruña ou Pontevedra

11 dic 2022 . Actualizado a las 22:37 h.

A súa tenda, Ela Diz, leva tan só unha semana aberta no seu novo emprazamento, a Rúa do Vilar, pero Laura Insausti aclara que xa nestes primeiros días as súas clientas máis fieis non fallaron. «Achegáronse ata de Pontevedra ou A Coruña», explica agradecida a dona do establecemento de moda para muller que ata decembro vendía na Rúa Nova, en fronte ao Teatro Principal. «Os veciños dinme que agora a espera para as funcións non vai ser tan entretida; que pasaban tempo mirando o escaparate», apunta sorrinte esta vasca, «de Donosti», de 48 anos, que chegou a Santiago hai 30 para estudar Farmacia, unha carreira que non rematou. «Comecei a traballar nun supermercado, nun comercio de xoias... Namorara dun picheleiro e tiña claro o de quedar. Aínda así, boto en falta aquilo, o mar. Imos a miúdo», sostén sobre unhas viaxes que influirían no seu xiro laboral.

«Alí vía un comercio diferente, de roupa orixinal, mesturada con artesanía, algo polo que sentira inquedanza dende nena. No 2011 estaba nun sector tan oposto como o da construción, pero me decidín a dar o salto. Son botada para diante», defende divertida e enlazando xa coa apertura do seu establecemento, inicialmente, na praza de Fuenterrabía. «No nome xoguei co meu segundo apelido, Diz, e con ser para mulleres. Soaba como "ela di"», afirma nun galego fluído ao que lle resta méritos. «Intento falalo, e iso é algo que a xente valora», asegura coa mesma convicción coa que lanzou a súa tenda, unha aposta firme por talleres pequenos e deseñadores emerxentes. «Lembro que antes de abrir dei o alto na rúa a unha muller que levaba os zocos de Elena Ferro. Pregunteille de quen eran e fun ao seu taller. Dende aí manteño ese calzado, en moitas cores», subliña.

PACO RODRÍGUEZ

«Nunca estiven de acordo co cuadriculada que é a moda respecto á imaxe da muller, polos canons estéticos. Para contrarrestalo, decidín, xa no inicio, preguntarlle ás clientas se posarían coa roupa para unha foto, que subo ás redes. Todas temos un punto de beleza. E acceden. É un orgullo que mulleres, ata de 80 anos, queiran ser as miñas modelos. Se non teñen Instagram dinlles aos netos: "amósame como estou de guapa"», recalca, constatando que actrices ou políticas, como Yolanda Díaz, tamén se prestaron.

No 2013, tras facerse un oco na cidade, traslada a tenda á Rúa Nova. «Sempre fun da zona vella, onde vivimos moitos anos. A familia da miña parella tiña na Raíña o mesón Do Arrieiro», sinala con querenza. «O cambio resultou. A rúa é transitada e a xente do teatro achegábase ao que vendo. Vou a feiras, investigo moito», remarca, amosando marcas coas que non dubidou, como Brétemas, con camisetas e bolsas que falan de Galicia.

«Unha clienta dicía que tiña que atopar un produto que cativase aos de aquí e que os turistas puidesen levar. Pensei nas Marías e pedinllo a unha deseñadora de Vilagarcía que descubrira. Fixo un broche e, dende hai unha década, é o máis vendido», salienta. «A unha chica rusa regaloullo o mozo ao que coñecera no Camiño. Eu falo moito coa xente e conteilles a historia de Maruxa e Coralia. Ela ficou abraiada. Díxome que si ás fotos, pero que as faría en San Petersburgo. E envioumas», resalta agradecida, admitindo que xa lle chegan novos pedidos de visitantes de Alemaña ou EE.UU. «Santiago tamén recibe outro tipo de turismo, de fin de semana, que volve», reflexiona, apuntando, aínda así, que na tenda o 80 % da clientela é da cidade. «É de todas as idades, como nenas que aforran e mercan aquí os seus primeiros pendentes. Síntome apoiada», destaca ante un cariño que non perde.

«Este ano os donos do edificio da Rúa Nova puxérono en venda. Foi un pau», confirma. «Os veciños lamentaban a marcha, o baleira que queda a rúa, que xa notara baixón tralo traslado de Sargadelos. Moitísima xente pediume que non deixara o casco histórico para non empobrecelo máis. Non atopaba local, pero ao final vin un baixo na Rúa do Vilar. Dáme respecto ao ser moi turística, pero as miñas rapazas, como as chamo, xa regresan. A tenda sempre foi ben», confesa ilusionada ante unha campaña de Nadal na que vende moitos agasallos, como figuras de papiroflexia. «É un furor», mantén. «Estou en fronte da Sala Yago. Quen sabe se un día reabrirá como teatro!», di con graza.

Laura Insausti reabriu esta semana a súa popular tenda de moda na Rúa do Vilar, onde había unha farmacia. «Intentei que me coubesen recordos destes once anos, como as bombillas de decoración que pedín cando a inaugurei no 2011 e me trouxeron os clientes, ou cousas do meu pai, como cordas das que colgo a roupa. Son algo sentimental»
Laura Insausti reabriu esta semana a súa popular tenda de moda na Rúa do Vilar, onde había unha farmacia. «Intentei que me coubesen recordos destes once anos, como as bombillas de decoración que pedín cando a inaugurei no 2011 e me trouxeron os clientes, ou cousas do meu pai, como cordas das que colgo a roupa. Son algo sentimental» PACO RODRÍGUEZ