«Na comisión de festas do barrio de San Pedro pode entrar calquera, ata a xeración Z»

Andrés Vázquez Martínez
Andrés Vázquez SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

Andrés Vázquez

As festas de San Pedro son das máis lonxevas que organiza un barrio en Compostela, polo que a súa comisión busca xente nova a través dun «casting»

19 nov 2022 . Actualizado a las 16:24 h.

No barrio de San Pedro as cousas tómanse moi en serio. Non pode ser que entre calquera na comisión de festas. Coma se fose unha entrevista de traballo, os organizadores das festas decidiron organizar unha proba de selección de futuros candidatos a integrar a selecta lista de persoas que van organizar os actos festivos do ano que vén. Para facelo, sentaron un detrás doutro aos candidatos que se deron cita na Tapería 2Eles, na rúa da Angustia e en pleno centro do barrio. Buscan unha renovación, xente nova que pase a formar parte da comisión, o futuro dunha festa que se celebra cada ano a finais de xuño, chea a fartar de diversión e actividades culturais. Os que non tiveran tempo para achegarse á selección, que non se preocupen, que a comisión está aberta a seguir recibindo aspirantes a través das súas redes sociais.

Antes de nada, fun identificado: «Ti eres o do periódico, non?» Acto seguido, tiña pegado ao peito un papeliño no que se lía «prensa» en maiusculas. Xente organizada, non hai dúbida. Detrás dunha mesa, os tres honorables membros do xurado dirixíronse a min, toda unha honra: «Bueno, nós somos máis de Operación Triunfo que de La Voz, pero podes pasar». E, coma se estivesen agardando por min, que sen xornalistas non pode haber evento, comezaron.

Os candidatos foron chegando pouco a pouco. Houboas madrugadoras, cousa que o xurado valorou positivamente. A primeira das candidatas esperaba no banco antes mesmo de que comezara o certame. De Fontiñas, contestou axeitadamente ás respostas e quedaron encantados con ela. Todo a pesares de ser funcionaria, pois deixaron claro sempre que o que estaban a facer era «o contrario a unha oposición, que aquí quen quere pode entrar».

Andrés Vázquez

E iso que as preguntas non eran sinxelas: dende propostas para a festa ata identificación de símbolos populares, como o vaso propio deste festival ou a moeda que se emprega. Outras das que destacaron tamén foron catro rapazas, que sentaron a tomar un café na 2Eles e acabaron examinándose para poder formar parte da comisión. A primeira pregunta xa xerou debate: «Cantos anos tedes?». Tiñan 20 e dese xeito eran xeración Z. «Nós queremos xente de tódalas idades, que na comisión pode entrar calquera, ata vós!». Entre risas, o debate trasládase á rivalidade entre millennials, boomers e aquelas integrantes da xeración Z, xa unha vella guerra dos nosos días. Axiña se finalizou, «que aquí o importante son as festas».

Andrés Vázquez

Na seguinte entrevista, o tinte tornouse práctico: «Que fariades para recadar fondos nalgún comercio?». Estes igual non pasaron a proba, pois apostaron pola extorsión tentando aguantar a risa ao dicilo. «Pero, vós de onde vides para dicir iso?», preguntou o xurado. Un deles, Davide, respondeu que nacera no Ensanche, na rúa Doutor Teixeiro, e rapidamente os delegados da comisión para elixir aos seus futuros acompañantes no proxecto o tiveron claro: «Claro, xente de cartos, é o que ten…». Davide e máis Mada, acompañados da súa amiga Laura, que foi quen os liou para acudires a este proceso de selección, remataron superando sorprendentemente o exame.

Eles levan pouco tempo vivindo no barrio de San Pedro, pero xa lles deu tempo a namorarse del. Con escasamente un aniño nestas rúas son conscientes da comunidade tan sa e acolledora que hai entre estes veciños, «os do mellor barrio de Santiago». Apuntan que ten «unha idiosincrasia propia» e que queren rematar de involucrarse cos seus paisanos logo de botar anos fóra de Compostela, a pesares de seren daquí. A súa madriña, Laura, tampouco é picheleira, senón de Burela, pero forma parte de pleno dereito da familia de San Pedro.

Rematado o casting e despois de deliberar, a comisión tivo uns minutos para atender a La Voz. «O noso obxectivo era facernos de rogar, invertir o proceso de ingreso nunha comisión de festas precisamente para facelo máis atraente», sinalan, poñendo sempre o acento no humor e na diversión. «Este ano facemos o vinte aniversario da festa, polo que o noso obxectivo de seguir forxando un espírito propio no noso barrio aínda é máis importante e especial». Chaman a todo o mundo a participar, a ser un pouquiño máis de San Pedro, «e tamén a traballar polo barrio, cousa que nós estamos desexando poder comezar a facer canto antes».