O bosque sonoro de Abe Rábade

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

O pianista une jazz, música orquestral e tradicional galega en «Botánica»

10 oct 2022 . Actualizado a las 08:35 h.

Bidueiras, freixos, follas de castiñeiros, carballos, faias, teixos, narcisos... Toda esta vexetación transfórmaa nun bosque sonoro exuberante o compositor e pianista Abe Rábade (Santiago, 1977) en Botánica. Trátase do seu décimo quinto traballo discográfico, pero o primeiro no que funde a música orquestral, a tradicional galega e o jazz para crear catorce composicións orixinais que contan, na súa meirande parte, coa voz de Davide Salvado. A presentación desta fusión foi nun concerto que tivo lugar en Santiago.

«É a primeira vez que plasmo nun disco unha integración entre músicas. Por unha parte, está a máis orquestral, é dicir, o timbre. Nese aspecto, o disco ten vibráfono, guitarra eléctrica, cello, saxo tenor, pandeireta, pandeiro, contrabaixo e batería. Nun bosque de son non pode faltar a tímbrica exuberante, igual que nunha fraga de Galicia non faltan unha chea de especies que interactúan entre elas. Tamén está o jazz, que é o que levo estudado máis, e a música tradicional galega», debulla o compositor compostelán.

O proceso creativo tivo tamén moito de vexetal con esa lentura para ir integrando todo pouco a pouco. Foron dous anos de traballo que tiveron como xermolo o espectáculo Lorca namorado, onde se daban a man a tradición galega e flamenca. A raíz de aí, o compositor decidiu seguir profundando nesa converxencia do jazz coa música tradicional galega, incluíndo tamén esa dimensión non escrita. «Todas as melodías que canta Davide [Salvado] tiveron que ser ensinadas vía oral, e foi marabilloso facelo», explica Abe Rábade, quen considera «un luxo» contar no traballo coa participación de Salvado. Para Abe Rábade, este disco «é venerar» esa oralidade da música tradicional galega, unha cuestión «que ten un valor incalculable». Para o pianista, «as músicas tradicionais fanse fortes cando van de man e tocan outras culturas musicais».

Esa converxencia musical de Botánica tamén se traslada ás letras das melodías, onde conviven versos procedentes de coplas populares, con orixinais do propio Abe Rábade e tamén traducións, como o mito de Narciso. «O disco é unha especie de maxia branca. Trátase de coller as plantas e os vexetais como unha especie de escusa para buscar unha simboloxía a través da paisaxe», destaca o pianista e compositor compostelán. Así o reflicte na letra de Menciñeira núa, a composición que abre case 80 minutos de música: «Miña nai e maila túa / coñecen herbas boas / déixallas logo apañalas / que quiten as penas todas». Uns versos que Abe Rábade escribiu para acompañar unha copla popular xa que «en Galicia, o bosque ten asociadas un montón de coplas, de melodías e de filosofía».

Nace unha nova banda

Botánica, ademais de ser o primeiro traballo discográfico no que Abe Rábade combina música orquestral, tradicional e jazz, supón un punto de inflexión na súa carreira musical posto que supón un nacemento dunha nova banda. «Non creaba unha propia desde o 1996», explica o pianista e compositor, xa que nos seus últimos traballos eran co trío. Agora trátase dun octeto. Xunto a Rábade e Davide Salvado —que ademais de voz se encarga da percusión— participan Daniel Juárez (saxo tenor), Virxilio da Silva (guitarra), Ton Risco (vibráfono), Jimena Andión (cello), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Naíña Acuña (batería). «É unha nova banda que quero que conviva en paralelo co meu trío, quero nutrir os dous», engade.

Ademais, o disco conta con gran versatilidade á hora de ser presentado en directo. Ademais de en formato octeto, o traballo pode interpretarse a dúo de piano e a voz de Davide Salvado ou cun quinteto de jazz, entre outras fórmulas. Estas posibilidades xa se puideron apreciar en dous proxectos «fillos» de Botánica antes da súa estrea: Gromos, máis centrado na parte tradicional, con Davide Salvado, piano, cello e contrabaixo; e Seeds, co quinteto de jazz sen voz.

Abe Rábade non quere que este novo proxecto en torno ao jazz, a música orquestral e a tradicional se quede só en Botánica, senón que pretende que siga botando gromos de cara ao futuro. Temas para un próximo disco xa hai algúns, porque quedaron composicións fóra vinculadas a Zeca Afonso e Airas Nunes.