Restauración de voces

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

01 oct 2022 . Actualizado a las 11:41 h.

Chegou no luscofusco. Naquel intre, ninguén reparou na súa presenza. Retirou o cartel da inmobiliaria de madrugada e, coas primeiras luces do abrente, sorprendeu a veciñanza cos cristais do escaparate cubertos con papel marrón. Nin físgoa quedou pola que botar un ollo ao que alí dentro ía facer. Ao día seguinte, algúns afirmaron que o descoñecido regresara durante o negror solitario da noite cun vehículo alugado. Describiron con moito énfase como, nun vira-vira, trasfegou ao interior do local estrañas ferramentas e embalaxes, semellantes ás empregadas polos técnicos de son das orquestras.

Pasaron os días. Ao mes, os habitantes do quinteiro andaban coa mosca detrás da orella. O inmoble permanecía nun anódino letargo diúrno, pero sabíase que o seu interior cobraba vida con crípticas actividades nocturnas. O que alí se argallaba seguía oculto tras a acastañada cortina do envoltorio de paquetaría. Abofé que algúns, unha minoría dada aos razoamentos sustentados na lóxica, opinaban que só se trataba doutro artesán, bohemio e toleirán, preparando devagar o seu obradoiro. Pero a maioría pensaba que tanto misterio tiña un resaibo a prohibido, sospeitoso e criminal.

A colocación do cartel causou conmoción entre a aristocracia de botaporelas e faroleiros da rúa. «Trécolas». Que demo de negocio podía ter un nome así? Embaixo, en letra de menor tamaño, podía lerse: «Restauración de voces».

Os operarios contratados engurraron os ombreiros unha e outra vez ante as preguntas indiscretas. Porén, os dixomedíxomes de vizosa fantasía especularon con foniatras ou logopedistas. Por fin unha boa nova! Terapeutas e especialistas revalorizarían vivendas e comercios do barrio.

A envoltura de papel, protectora daquela singular crisálida empresarial, desapareceu minutos antes da inauguración. O evento resultou ser todo un acontecemento social e toda unha decepción para os fanfurriñeiros de sempre. Houbo foliada, petiscos e moitos parabéns.

Atraída pola sona do artesán, acudiu ao chamado unha marfallada de persoas do máis diverso. Espíritos heteróclitos sen máis en común que unha pública e gorentosa emoción no padal. Todos recoñecían e gababan a súa mestría e gusto do anfitrión restaurando fermosas palabras da ferruxe poeirenta do esquecemento do idioma.

Amancio Manuel Pampín Suárez

Nado en Santiago de Compostela. Profesor de Xeografía e Historia do IES Félix Muriel de Rianxo. Licenciado en Historia. Viaxeiro, lector, debuxante.