As pezas do baldaquino de Campo Lameiro permanecían «almacenadas de calquera maneira» na igrexa

Alfredo López Penide
López Penide CAMPO LAMEIRO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

RAMON LEIRO

Os tres relieves pétreos recuperados estaban detrás da pila bautismal e dun confesionario

28 sep 2022 . Actualizado a las 19:00 h.

Foi o pasado ano cando o párroco Fermín Santiago Iglesias percatouse dunhas «pedras» que estaban dentro da igrexa de San Isidro de Montes «almacenadas de calquera maneira» detrás da pila bautismal e dun confesionario. «Percateime que eran partes dun baldaquino antigo que estaba sen catalogar e púxenme en contacto con Dolores Barral Ribadulla, que é historiadora da arte na Universidade de Santiago de Compostela».

O informe da experta foi determinante ao situar o restos conservados no século XVI, en torno aos anos 1520 e 1530, polo que o sacerdote contactou co Concello para «poñelo en valor, que a xente o coñeza, que saiban o que é». Ao tempo, fixéronse os trámites ante a Deputación para recibir unha subvención para acometer a limpeza, restauración e conservación das pezas, labores das que se está a ocupar a empresa especializada Árbore Sociedade Cooperativa Galega.

Fermín Santiago coincide con Dolores Barral á hora de resaltar a calidade da labra, que se percibe en aspectos como as ballestas, a corda dos arcos ou a expresividade de Eva. Neste punto, explica que os gravados do baldaquino eran una maneira de achegar a historia sagrada aos veciños que, naqueles tempos, non sabían nin ler, nin escribir.

No caso concreto do atopado na igrexa de San Isidro de Montes, nos restos conservados obsérvanse imaxes do momento no que Eva colle a mazá do pecado orixinal e da expulsión do Paraíso, do martirio de san Sebastián e do enterro de Cristo.

O párroco de Campo Lameiro alude a que, con este achádego, son tres os baldaquinos que se conservan en Galicia procedentes deste concello pontevedrés. Así, os outros dos foron localizados na igrexa de San Cristovo de Couso —conservase na sancristía— e na de Fragas. No que respecta a este último, «levárono nos anos 50, foi como quen di, expoliado, para o Museo Provincial de Lugo. A xente recorda o baldaquino na igrexa parroquial de Fragas».

Como responsable de seis parroquias, Fermín Santiago remarca que, a nivel patrimonial, Campo Lameiro é moito máis que o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), «que é moi importante, somos a capital da arte rupestre». Así, alude a que se conservan importantes exemplos de arte sacro, como os rosetóns das igrexas parroquiais de Morillas ou da propia San Isidro de Montes, pero tamén a fachada da igrexa de Fragas e a ábsida románica de San Miguel do Campo, «que data de 1.202».

Polo que respecta ao futuro do baldaquino, a Santiago Iglesias gustaríalle que non só os veciños gozaran desta peza artística, senón tamén todos aqueles que se acheguen por San Isidro de Montes e conciencialos sobre a necesidade de conservar o patrimonio, «que saiban que as cousas non están postas así porque así».