La Voz de la Escuela volve o día 19 de outubro con máis divulgación

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os docentes dende 5º de primaria poden apuntarse no programa gratuito

29 sep 2022 . Actualizado a las 09:43 h.

Hai que aprender de todo porque o mundo está formado por moitas realidades. Iso téñeno claro os profesores e tamén o programa educativo de La Voz de Galicia, Prensa-Escuela, que prepara a saída do seu suplemento semanal, La Voz de la Escuela (LVE), para o vindeiro 19 de outubro. Está aberto o prazo de inscrición (totalmente gratuíta) dos profesores, que só teñen que chamar ao teléfono 902 103 156 para apuntarse. O programa inclúe o envío do xornal en papel durante a semana á casa do mestre e os mércores o reparto do xornal entre os seus alumnos. Ese día publícase o suplemento La Voz de la Escuela, como cada semana do curso dende hai 40 anos.

Saúde e noticias falsas

Prensa-Escuela está pensado para alumnos de 5.º de primaria en diante, tanto da ESO como de FP ou bacharelato, ademais da educación especial. A actualidade ocupa o arranque do suplemento, pero a divulgación chega dende a páxina 3. Primeiro coa hemeroteca, contando a nosa historia dende as páxinas de La Voz. Pero sobre todo está nas seguintes páxinas, onde se fala de case calquera cousa: arte, literatura, ciencia (que está no ADN de La Voz de la Escuela), dereito, economía e agora tamén xeoloxía. Coñecer o patrimonio xeolóxico galego e entender a súa importancia no pasado e no futuro é unha das premisas da nova sección. Tamén haberá divulgación sobre saúde, para explicarlles aos rapaces moitas das cousas que lles están a pasar; contamos para iso coa colaboración dos xornalistas de La Voz de la Salud, que chegan a todos os públicos con seu TikTok. E, pensando nestes tempos, en La Voz de la Escuela haberá un espazo propio para recoñecer as fake news e aprender a protexerse delas.

E como non todo vai ser aprender, temos un espazo de ocio: volven os pasatempos, unha sección histórica do suplemento de La Voz que agora retorna cunha proposta moi variada e divertida, de diferentes niveis de dificultade para chegar a todos os alumnos.

Exemplo de divulgación en La Voz en la Escuela: aprende Xeoloxía

Vistas de la ría de Vigo
Vistas de la ría de Vigo XOAN CARLOS GIL

Galicia estrea un novo mineral: a emeloíta

Seguro que moitos de vós pensades que xa non se poden descubrir novas especies animais ou minerais, que co nivel de coñecemento que temos da natureza xa está todo moi visto e estudado. Pero non é certo, porque cada ano se caracterizan, é dicir, se lles dá nome e apelidos, entre 50 e 80 novos minerais. E un dos deste ano é galego: a ermeloíta.

Para quen non saiba nada de xeoloxía, a pedra que ensinaron os investigadores recorda algo ao cuarzo, e non anda lonxe a cousa, porque a ermeloíta «se forma en las pegmatitas, los típicos filones que parecen venas de cuarzo entre los esquistos, los granitos...», como explicaba este mesmo mes Óscar Lantes, experto da Universidade de Santiago.

O certo é que a cantidade de ermeloíta que teñen os científicos no laboratorio é mínimo, porque de ser grande o lóxico era tela localizada dende hai anos. No século XIX a xeoloxía levantaba paixóns, tamén en Galicia, e os afeccionados —non había moita profesionalización na investigación— percorrían os montes na procura de tesouros. E de feito atoparon tres: a morenosita, a cervantita e a bolivarita, os únicos minerais galegos, é dicir, que lles puxeron nome os científicos de aquí.

XOAN A. SOLER

Como se sabe que un mineral é novo? Á vista rara vez, porque, como xa vimos, hai moitos anos que se investiga neste campo. No caso da ermeloíta, foi na revisión dos minerais da colección do Museo de Historia Natural da USC. Comprobando que todas as pezas estaban ben catalogadas a través da análise de raios X, os investigadores detectaron que esta non tiña nome. Primeiro pensaron que a base de datos coa que se comparaba non estaba actualizada. Pero non era iso. Despois repetiron a proba por se fixeran algo mal; e tampouco. Pasaron entón a mirar con raios X o cristal, non xa do po, que é o normal. De novo quedaban en branco os resultados.

Isto deulles pé aos investigadores da USC para analizar a fondo a roca e mandar os resultados á IMA, a Asociación Internacional de Mineroloxía. Se eles non dan o visto bo, unha pedra non ten nome oficial. De feito, a nosa ermeloíta aínda era daquela CRV38. Fixo falla a análise de 23 expertos da IMA para que recibise o nome polo que agora a coñecemos.

Ese nome sóame...

Isto do nome tamén ten o seu aquel. Por que se elixe un e non outro? Sempre é en latín, para que todos o chamen igual, e habitualmente hai dous camiños: o lugar onde se atopou a especie ou a homenaxe a alguén. Ese alguén pode ser calquera: hai unha mosca en Australia que ten de nome científico Scaptia beyonceae, e ese beyonceae é, acertaches, pola cantante Beyoncé; agora só queda esperar que, como quere o investigador, sexa «a diva das moscas de todos os tempos».

En xeral os nomes son máis serios. A galega morenosita debe o seu nome a Antonio Moreno, o seu descubridor, que a atopou en Ortegal; a cervantita chámase así non polo xenial escritor, senón porque foi detectada por primeira vez no concello de Cervantes; e a bolivarita, atopada en Pontevedra, fai homenaxe a Ignacio Bolívar, o director do Museo de Ciencias Naturales de Madrid naquel momento, no ano 1921. Ermeloíta o é polo monte Ermelo, un espazo natural entre Bueu e Moaña, na península do Morrazo.

En Galicia non hai un catálogo de minerais, unha mágoa, porque sen saber ben o que temos é difícil garantir a protección do patrimonio. Que pensas ti? É necesario un catálogo? Podería ser útil telo todo clasificado?

Información realizada coa colaboración da Cámara Minera de Galicia.