Lembrando a Antonio Campos

SANTIAGO CIUDAD

ÁLVARO BALLESTEROS

21 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde que deixamos o Concello de Santiago viámonos con frecuencia porque éramos amigos. Durante estes anos seguimos intercambiando afectos, o recordo vivo de Gelucha Fernández, súa muller, e a posta ao día dos anos que traballamos xuntos na propagación do pensamento socialdemócrata na área de Compostela.

Cando o coñecín, Antonio tiña xa un prestixio consolidado polo seu traballo como enxeñeiro técnico agrícola na organización do cooperativismo na comarca de Negreira. A nosa amizade afianzouse nos acordos e no respecto das discrepancias. Algunhas tardes subiamos ao Pedroso para resolvelas dialogando e así brotaban os proxectos para a cidade querida.

Antonio Campos foi un concelleiro de recoñecida bonhomía non exenta de carácter, envorcado no servizo público, con ideas innovadoras e cun criterio reformador aplicado con eficiencia e humanidade en asuntos complexos que atinxen tanto á economía como ao eido social: o mercado de abastos, no que deixou unha pegada imborrable; os mercadillos semanais, o matadoiro, a creación de Mercagalicia ou a construción do novo mercado de gando en Amio. Unha traxectoria fecunda que merece memoria perdurable nos anais da corporación municipal de Compostela.