A Biblia en galego

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

17 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño nas miñas mans a cuarta edición da Biblia en lingua galega, que vén de presentarse estes días revisada e actualizada.

Os nomes das persoas que, dende o ano 1972, xenerosamente fixeron posible esta empresa figuran nas primeiras páxinas da edición: tradutores, biblistas, anotadores, correctores de probas, editores, autoridades civís e eclesiásticas… Digo xenerosamente porque este proxecto, que naceu en 1966 case que coa empresa editora que o asina (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos, SEPT), é un dos exemplos de vocación, compromiso e vontade máis altruistas que coñezo, e abofé que se algo caracterizou historicamente a nosa cultura, moi especialmente todo canto ten que ver cos grandes proxectos no noso idioma, foi (e segue a ser) a xenerosidade, a entrega de persoas (capital humano) que sen relear tempo, talento e esforzos, botaron a andar as empresas mais ousadas e, ao mesmo tempo, máis necesarias, como a que celebramos.

En 1966 constituíuse en Santiago de Compostela a editorial SEPT. «Unha nova consciencia cristiana no relixioso, económico, social e político —en palabras de Andrés Torres Queiruga—; renovación do cristianismo galego» ao abeiro das correntes de pensamento que propoñía o Concilio Vaticano Segundo. Entre os seus promotores: Xaime Isla Couto, Domingo Fernández del Riego e Alfonso Zulueta.

Dende o primeiro día un dos obxectivos foi poñer en lingua galega o Novo e o Vello Testamento, os libros sagrados do cristianismo, dinamizar a liturxia (o Misal Galego, 1968), e avivar lecturas para o culto (a revista e os folletos Badal).

Na parroquia do Sagrado Corazón, en Vigo, na rúa Rosalía de Castro, reuníanse periodicamente para adiantar labores. Todo gratis et amore. Ninguén recibíu nunca un peso por un traballo que, ollado coa perspectiva do tempo, semella xigantesco. Así foron sempre entre nós estas cousas, abofé.

A primeira edición en galego da Biblia saíu do prelo no ano 1989, tomada directamente do hebreo, arameo e grego. En 1980 publicáranse os libros do Novo Testamento. Case vinte anos de entrega, miles de horas de dedicación, tal que lembraba o pasado martes no Instituto Teolóxico Compostelano o actual presidente da editora, Francisco Dominguez. Revisións, notas, comentarios, actualización ortográfica…

A Biblia en lingua galega, que a pouco de sair mereceu o Premio Nacional de Tradución (1990), é un dos nosos monumentos patrimoniais, conquista histórica da nosa cultura contemporánea.