Espazos singulares

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

SANTIAGO CIUDAD

16 jun 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

Onte presentouse en Santiago de Compostela a nova edición do Festival Atlántica de Narración Oral. Van dez edicións do que xa é o evento máis importante do seu ámbito na península e do ámbito hispanofalante. 94 espectáculos repartidos por 24 concellos de Galicia, da man de 42 artistas con acentos europeos, árabes, americanos e asiáticos.

O festival demostra que é posible construír un evento que inclúa na mesma programación concellos grandes e pequenos, fomentando as viaxes dos espectadores, que se desprazan por Galicia coñecendo espazos singulares e moitas veces inéditos. Unha pequena mesa de son, o artista, un espazo confortable e xente disposta a escoitar o formato escénico máis antigo do mundo: a palabra ben contada.

O Barbanza ten unha presenza moi destacada no Festival Atlántica, e se por algo se caracterizan os espectáculos programados na comarca é polo seu acento singular. Moitos recuperan antigos espazos da sociabilidade tradicional: lugares nos que mulleres e homes se reunían para conversar mentres traballaban ou descansaban, durante centos de anos.

Dous dos máis fermosos lavadoiros do mundo, o da Penisqueira e o de Artes, en Ribeira. O adro da Igrexa do Castelo e o Alto da Portela, no corazón da serra, na Pobra do Caramiñal. As eiras de Bexo e Traxeito, en Dodro. A praia de Broña e a Pontenafonso, en Outes. Os castros de Neixón e a Torre de Goiáns, en Boiro. Só unha pequena mostra da potencialidade da comarca. Poden conseguir de balde as súas entradas en festivalatlantica.gal.