«Nesta ocasión no PP vamos traballar todos unidos»
As vivendas de uso turístico (VUT) levan tempo no debate público. Esta é a opinión de Verea:
—O peor que se pode facer en xestión pública é titubear e dar bandazos, que é o que pasa nas VUT: o concello insiste en que están prohibidas, e vemos que hai un milleiro abertas ao público. Polo tanto esa prohibición é unha tomadura de pelo para os veciños de Santiago. O que hai que traballar é cara un mix turístico que ten que contar coas VUT porque son imprescindibles no turismo postpandemia. Agora ben, teñen que estar limitadas, reguladas e proporcionadas.
—Que servizos ve como unha prioridade mellorar?
—A cidade non está igual que hai tres anos. Está peor. Servizos básicos que deben ter uns mínimos de calidade non se cumpren en Santiago, como a limpeza e recollida de lixo, o transporte público, ou a renovación do contrato da auga, que podería beneficiar á contorna rural. Non foron capaces neste mandato de actualizar ningún destes contratos. Este goberno tivo a oportunidade de aproveitar o malestar que xeraron os das mareas, pero é moi difícil atopar algunha cuestión que mellorase na cidade.
—Cun apoio do 99 % na presidencia do PP, sente o partido unido?
—Sen dúbida. Foi un proceso modélico de democracia interna, onde calquera compañeiro puido presentarse con 25 avais. Xa na primeira parte do proceso a militancia apostou sen fisuras pola miña candidatura, co 90 % de avais presentados. E na votación a aposta dos compañeiros foi pola unidade, pola renovación e por traballar pola maioría absoluta.
—Como valora que Fernando Mayo non se integrase na súa xunta?
—Unha decisión persoal, lexítima, que eu respecto e sobre a que el deu as correspondentes explicacións. En todo caso, o apoio da militancia quedou claro na presentación de avais e na votación.
—Todo o PP remará a unha nas municipais do 2023?
—Estou convencido de que o ambiente é diferente, que nesta ocasión vamos traballar todos unidos. O reto é a maioría absoluta para gobernar Santiago: aquí non sobra ninguén, somos todos necesarios.
—Foi 9 anos secretario xeral técnico en Economía. Asumiría estar catro anos na oposición?
—Nós contamos con acadar maioría absoluta, con gobernar a cidade e con ser eu o próximo alcalde de Santiago. En todo caso, se os veciños queren continuar co actual goberno socialista, estarei onde os veciños decidan.