Rosa Álvarez, decana do Colexio de Psicoloxía: «Hai unha pandemia de saúde mental, e máis suicidios entre a mocidade»
SANTIAGO CIUDAD

Colaboran coas farmacias, que teñen maior demanda de ansiolíticos e psicofármacos, afirma
25 abr 2022 . Actualizado a las 23:27 h.A crise económica do 2008, a pandemia da covid-19, e agora o conflito no Leste de Europa «son procesos da sociedade que inflúen na vida, na conduta e no estado de ánimo das persoas. Perante estas situacións, máis que facer psicoloxía clínica, o que cómpre é maior prevención; traballar na comunidade e coa comunidade, para evitar que esas preocupacións deriven en problemas de saúde mental e se fagan crónicos. Os últimos anos houbo un gran deterioro da saúde mental e faltan profesionais que os atendan, sobre todo no sistema público», afirma Rosa Álvarez Prada. Leva 12 anos como decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e seguirá catro máis, pois foi a única candidata nas recentes eleccións.
—Teñen evidencia dese deterioro?
—Sí=. Estamos a colaborar nunha campaña do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, que detectan como nas farmacias se demandan máis ansiolíticos e antidepresivos, ou terapias de plantas medicinais. As boticas son un bo termómetro da saúde, porque lles piden axuda moitas persoas antes de ir a un centro asistencial. E ven cada vez máis problemas relacionados coa saúde mental; de persoas que din que dormen mal, que teñen estrés, ansiedade e outras situacións, e por iso nos pediron que colaboremos.
—Que poden facer?
—O que recomendan é que se acuda a profesionais de referencia, e iso é difícil.
—Por que difícil?
—Porque na sanidade pública hai que esperar demasiado por unha primeira consulta, e moitas consultas privadas tamén teñen moita presión e lista de espera.
—Que poboación ten máis problemas?
—Persoas de todas as idades. Xa entre adolescentes se detecta maior consumo de antidepresivos, condutas de autolesións, ansiedade, problemas coa alimentación, de adicións, na familia, violencia, e outros. Hai unha pandemia de saúde mental, e máis suicidios entre a mocidade.
—Detectan iso no COPG?
—Detectamos, si: contactan con nós desde direccións de colexios, e docentes individualmente, que nos piden especialistas para traballar o manexo da ansiedade, a autoestima, habilidades sociais e casos de acoso e de violencia que detectan. Moitas veces notamos como mesmo lles asustan esas situacións, que nos chegaban xa antes da pandemia, e agora máis.
—E como responden a iso?
—Para chegar a esas situacións, hai un proceso previo que leva a elas. E de pouco vale unha conferencia ou unha intervención puntual. En ocasións, como se hai un suicidio no centro, por exemplo, si que acudimos; aínda que esa non é a solución.
—Que solución propoñen?
—É urxente que haxa profesionais da psicoloxía no ensino se non queremos ter dentro de dez anos unha poboación dependente de psicofármacos e unha sociedade doente, e que nos teñamos que arrepentir diso. Hai que coidar a xente nova nos sistemas de protección pública; e no resto da sociedade tamén aumentan os problema de saúde mental. En Galicia hai 4 psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes na sanidade pública e en Europa son 18. O Estado español é o máis medicado de Europa, e Galicia aínda máis. Ou se actúa, ou teremos unha sociedade doente.
«O Estado español é o máis medicado de Europa, e Galicia aínda máis. Ou se actúa, ou teremos unha sociedade doente»
—Non hai especialistas de psicoloxía suficientes no ensino?
—Non os hai; hai profesionais de orientación, que non sempre son especialistas de psicoloxía, e teñen outra función, tamén ben importante e necesaria. Hai estudantes que se autolesionan, ás veces ingresan nun hospital e, cando regresan ao colexio, non saben que facer, ás veces nin saben que lles preguntar ou teñen temor a actuar mal, porque non son profesionais. Ou fan como se non pasase nada, cando si pasa. Non se traballan nin as fortalezas do alumnado, nin os fracasos, nin outras situacións que se deben abordar. Hai unha serie de problemas sociais que inflúen no alumnado e que ninguén coida.
—O COPG celebrou hai pouco 40 anos, como os valora?
—Os profesionais da psicoloxía estamos en case todos os ámbitos da sociedade, con escasa presenza nos servizos públicos. A accesibilidade á atención psicolóxica na rede pública hoxe non está garantida para a poboación galega.
«Só desde a rede pública se podería dar ben a atención que se nos pide»
Rosa Álvarez defende que «a psicoloxía é unha profesión necesaria para as comunidades, para un maior benestar emocional, para conseguir unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e non dependente de antidepresivos e ansiolíticos. No Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia somos 3.500 profesionais e estamos a facer un esforzo colectivo e individual para demostrar que a psicoloxía é útil para a sociedade».
—Para que é máis útil?
—Para todos os ámbitos, nos de prevención e nos de tratamento. Temos que actuar máis na primeira liña para que os problemas non deriven en situacións máis graves e se fagan crónicos.
—E como se consigue iso?
—Só desde a rede pública se podería dar ben a atención que se nos pide, pois cada vez se está a demandar máis a nosa presenza.
—Quen a demanda máis?
—Nos centros de saúde, nos concellos, no ensino, nas comunidades en diversos ámbitos. Vemos como moitas asociacións que se forman para axudar a persoas con trastornos do espectro autista, déficit de atención e hiperactividade, dano cerebral, doenzas oncolóxicas, fibromialxia, esclerose múltiple, párkinson e outros problemas contratan especialistas de psicoloxía para axudar a eses colectivos. En Portugal hai moita maior presenza en todas as esferas públicas que aquí.
—Que resposta teñen das Administracións?
—Na sanidade pública non hai profesionais de psicoloxía en atención primaria e son escasos en hospitais. O mesmo acontece en Servizos Sociais, nos Concellos, nas emerxencias e noutras Administracións, que nos piden axuda ao Colexio. Estamos a ver o que está a pasar coas persoas refuxiadas que chegan do Leste de Europa, faltan recursos para lles ofrecer os apoios que precisan; e se non se ordena ben, unha emerxencia como esta pode ter consecuencias non desexadas.