José Fernández Alborés: «A normalización no transporte tardará aínda días despois do remate do paro»

Olimpio Pelayo Arca Camba
O. P. Arca SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

O presidente do colectivo empresarial do Tambre sinala que as pemes usaron furgonetas e vehículos privados para surtirse de materias primas

28 mar 2022 . Actualizado a las 20:48 h.

Coa incertidume aínda da resolución do paro do transporte iniciado o día 14, o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, accede a facer unha primeira valoración das súas consecuencias.

—Cal foi o impacto do paro no tecido empresarial de Santiago?

—Moi diverso. Todas as empresas se viron afectadas, pero algunhas pouco, outras moito e outras moitísimo máis, de feito unha das grandes do entorno como Finsa presentou un ERTE.

—Poden estenderse eses ERTE?

—Eu son sempre medio optimista. Confío en que non, en que coa capacidade de resposta e traballo das pemes saquemos isto adiante, aínda que poida haber puntualmente algunha regulación de emprego. Quero ser optimista.

—Pódese facer un cálculo das perdas nas empresas do Tambre?

—A día de hoxe non me atrevo. Haberá que darlle un tempo, porque as consecuencias vanse alongar aínda. Isto non rematou, e a nivel nacional dos máis afectados fomos os galegos, porque a plataforma Apetamcor era a máis potente neste aspecto. Haberá que esperar uns días para valorar as consecuencias, xa que hai xente que aínda segue sen abastecemento e pode chegar a ter que parar. Isto non se recupera de hoxe para mañá, se o luns empezase a funcionar o transporte non significa que a todo o mundo nos cheguen as materias primas para poder traballar. Igual se dilata tres, catro ou seis días.

—Pecharon no Tambre empresas polo paro do transporte?

—Que a min me conste, non, aínda que puido suceder nalgunhas das en torno ás 600 que somos. Pasaron moitas dificultades pola falta de subministración ou por non poder enviar os seus produtos: moitas comercializadoras de distribución pasárono fatal. Non é só a falta de materias primas, senón tamén a imposibilidade de enviar aos clientes.

—Que sectores se viron máis afectados?

—Todos en conxunto. A nivel produtivo unha gran empresa como Finsa non podía enviar a súa mercancía, seguiu traballando e almacenou, pero o problema é que chegou un momento en que lle faltou a materia prima. Outros tivemos que buscar alternativas para ir buscalas aos provedores en pequenos vehículos industriais, furgonetas e vehículos privados, aos que acostumaban a deixar circular e non paraban. Mal que ben fomos trampeando.

—Un novo atranco para empresas que intentan remontar a crise da pandemia, e que se xunta coa escaseza de materias primas e os altos custes da enerxía.

—Fálase da tormenta perfecta e é unha realidade. No mercado do aluminio, por exemplo, xa se dicía en setembro, polo encarecemento das materias primas e o custo enerxético. Esta última cuestión é gravísima para multitude de empresas, de todo tipo: de construción a metal, madeira, de todo. Hai electrointensivas en Galicia moi importantes que o están pasando fatal porque se teñen disparado os seus custes, e o están repercutindo aos seus clientes. Vai en cadea: se a min me soben eu teño que subir, e ao final o que ten que comprar, pode comprar ou non. Creo que o Goberno ten que dar unha volta moi ben pensada aos custes enerxéticos, e no consello de ministros do vindeiro martes poñer os pés na terra e buscar unha solución para baixalos, porque a cuestión é moi delicada. Polo que respecta a materias primas como os metais xa non son competencia do Goberno de España, é o mercado de Londres (LME) quen marca as cotizacións.

«O ferrocarril é un medio eficiente e Galicia debera ter unha central de mercancías por tren»

—Vostede falaba hai tres anos da importancia do ferrocarril no transporte de mercancías. Hai que avanzar nesa vía?

—Creo que é fundamental. Non son comparables a capacidade de transporte do ferrocarril cos camións. Penso que é un transporte alternativo eficiente e Galicia debera ter unha central de mercancías por tren, dende a que facer logo a distribución. O fundador da asociación empresarial do Tambre [Manuel Caeiro] sempre falou de facer un porto seco na Sionlla, onde poder estocar grandes contedores e facer un gran movemento de mercancías sen ter que mover miles e miles de camións polas estradas de toda España. É economía de escala: igual que os cargueiros cada vez son máis grandes, non é igual que veña un tren dun porto a Santiago que centos de camións.

—Que pensa vostede das reivindicacións do sector do transporte?

—Se facemos memoria histórica, cara 2008 o petróleo chegou a rozar os 140-150 euros o barril, e o gasóleo estaba a 1,30 euros. Agora é difícil de explicar que rolde os 2 euros co barril en 110-120. É complicado de entender, a non ser que sexa a tremenda repercusión de impostos. O Goberno ten que traballar neste tema, falar coa xente e tratar de buscar solucións boas para todos. Porque a fin de contas isto é malo non só para os transportistas, senón para todos os españois, porque esta repercusión en custes estase vendo xa nun IPC que este mes andará nun 8 ou 8,5 %. É un tema máis que delicado: non se pode volver a intereses de débeda do 16 ou 18 %, o cual é insostible.