Os mares de Santiago

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

SANTIAGO CIUDAD

Xerardo Estévez

26 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se un río caudaloso alagase as brañas de Sar, remansado nunha zona lacustre entre o monte Gaiás e o castro de Santa Susana, ou a ría de Arousa se achegase polo val de Amaía ao pé do Obradoiro, Compostela perdería parte do seu enigma. Desde os balcóns da cidade contemplariamos ese mar que tal vez puido ser realidade se Charles Lemaur, o enxeñeiro que construíu o pazo de Raxoi e proxectou canais que atravesarían a península ibérica unindo os mares, realizase o soño de traer o Atlántico ata Santiago.

O mar das nosas costas e o mar aberto ao alén, que nutre e que mata, esa inmensidade sen fronteiras na que acotío vemos afundirse o sol, deixando co último resplandor o desexo doutra mañá. As cidades con mar están máis satisfeitas de seu porque, mirando cara ao horizonte infindo, é doado esquecer outras limitacións.

Nunha cidade histórica, o exceso de admiración polo monumental pode botarse enriba, ancorala no pasado. O Obradoiro xa non é a praza de aire xuvenil que visitara García Márquez en 1983, hoxe é máis obxectual, vibra nunha frecuencia diferente. É necesario revisitala, mirala cos ollos do presente pensando onde encaixar os usos múltiples, como tratar a iluminación e os pavimentos. Hai case trinta anos, nunha conversa informal con Chillida, dicíalle que botaba de menos unha contribución contemporánea compartindo o diálogo cos monumentos, como as que teñen outros espazos europeos. Unha forma de patrimonializar de novo a praza en vez de deixala inmutable para sempre.

Santiago ten en certos miradoiros bordes de litoral e peiraos desde onde, esforzando a imaxinación, podemos albiscar os reflexos do océano ao poñente, por riba de esoutro mar das hortas e os verdes trémulos, os suaves outeiros entre os que serpean os regatos.

Desde un deses balcóns evoco unha Europa sólida, promotora da paz, freo da barbarie e do odio ao outro, a quen parece diferente. Aspiro tamén a unha España cunha habitación institucional común na que poidan concorrer a esquerda sen esquerdismo e a dereita sen a dereitona, para acometer as medidas sociais tan necesarias en tempos de crises permanentes e consensuar as políticas europeas, sexan de investimentos ou xeoestratéxicas.

O que acontece no seo dos conservadores non beneficia a ninguén porque tensa a vida social e acirra os extremismos, deixando cada vez máis orfo ese espazo equidistante no que se pode parlamentar desde a sensatez e o pragmatismo para resolver os grandes asuntos da convivencia.