Odirector do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, explicou nunha entrevista neste xornal a necesidade de cobrar polo acceso aos monumentos e bens patrimoniais. Este é un vello tema de debate que en Galicia provoca sempre moita reticencia nos responsables políticos, aínda que sempre que teño preguntado non conseguín aclarar cal é o problema máis alá de respostas difusas. Supoño que algún tipo de medo a que protesten os votantes.
Hoxe por hoxe, a maior parte das entradas aos bens culturais galegos convertidos en museos son de balde. Isto non é bo ou malo en si mesmo, pero supón varios problemas: o primeiro é que o ben cultural non vive de seu. Require mantemento e limpeza e se queremos visitas de calidade, precisa interpretación, ben a través de recursos museográficos, persoal especializado ou as dúas cousas. E iso hai que pagalo.
Pero hai un segundo factor: cobrar pola entrada significa poñer en valor o monumento. Pasoulle a un amigo meu que organiza visitas culturais. Eran gratis e nunca tal fixera: podíanlle chegar a faltar a última hora un 40% das reservas. E por riba, non avisaban antes da baixa, impedindo a visita a outros interesados. Comezou a cobrar a cantidade simbólica de 2 euros e fin do problema.
Os tramos de prezos garanten que todo aquel que queira gozar da cultura poida facelo con independencia da situación económica que atravese neses momentos. E non todos os sitios poden ou deben cobrar entrada. Pero esa posibilidade non debera ser excluída se queremos que o patrimonio gañe en valoración social.