Unha árbore na Quintana

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

SANTIAGO CIUDAD

DENÍS E. F.

29 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O proceso secular de construción de Compostela foi un combate latente entre a arquitectura e a xeoloxía, a hidroloxía e a topografía. O vexetal asomaría libremente nas marxes da rúa medieval, animada pola actividade do mercado, dos obradoiros de oficios e dos peregrinos ansiosos por entrar na cidade sagrada que alimentaban o pensamento e a creatividade con aires de Europa, aínda que a vida urbana fose escura e pouco hixiénica.

A rúa barroca e neoclásica avanza no saneamento, adórnase con bandeiras e arcos festivos, córrense touros no Obradoiro. No último terzo do século XVIII o mestre de obras López Freire traza un plano preciso cun informe que servirá de base ás primeiras ordenanzas reguladoras. Empeza a petrificación do centro histórico. A rúa novecentista perde o colorido dos grandes edificios e da mesma catedral, caleada por dentro, ouro e albaialde por fóra. A burguesía en auxe e o estamento académico van desprazando a magnificencia eclesiástica.

A rúa republicana, alegre e convulsa, énchese de vangarda artística e literaria. Co golpe de Estado Compostela, apropiada como símbolo da cruzada, pasa a ser un monumento ao rigor, o culto empuxa a cultura, a fe acantoa o pensamento. Pícanse as revocaduras dos muros, as escaleiras substitúen as ramplas nas que os carros foran labrando os seus sucos e a pedra ocúpao todo, sen deixar un respiro. Logo plantaranse caprichosamente árbores que, ao medrar, ocultan fachadas históricas como a de Fonseca ou, ate hai pouco, a do mosteiro de Conxo.

A rúa dos anos 80 respira aires moderadamente transgresores nacidos no 68. Había que retirar os coches aparcados de calquera xeito para devolver ao peón o uso do espazo, recuperar a alegría na procura do benestar común, mentres o planeamento marcaba un futuro que se foi cumprindo.

Nas prazas e rúas socializámonos. As lousas que pisamos acotío non son unha fachada, como algúns pretenden, entendendo a cidade como un exercicio solitario de arquitectura. A praza da Quintana, arquetipo de salón urbano, tivo árbores. Metade escaleiras e bancadas, metade palestra na que a sombra dos monumentos se proxecta seguindo o sol, loce hoxe máis acolledora, restaurados os paramentos arredor da Porta Santa. A hipótese de implantar unha árbore coa súa sombra móbil levaría da man a revisitar os estratos arqueolóxicos, deseñar un palco festivo ilustrado e conciliar usos civís e relixiosos. Toda unha reflexión aberta para un exercicio arquitectónico, cultural e político.