—Cando comezan a actividade?
—A última reunión do anterior Comité foi en decembro, e para o novo convocaremos a primeira reunión a finais deste mes. Outra novidade é que tamén renovamos o regulamento interno, o que nos levou bastante tempo.
—Que mudanzas destaca?
—Agora está máis adaptado ás circunstancias actuais de incorporación das novas tecnoloxías, novas maneiras de reunión e de comunicación. Foi unha modernización para os tempos de hoxe.
—Como foron os casos relacionados con transplantes que abordaron o ano pasado?
—Intervimos en 3 casos de doazón de riles entre vivos. É obrigatorio, segundo o protocolo. A nosa función consiste en asegurar que os doadores teñen información completa do que implica o transplante, das consecuencias que pode ter a doazón dun ril a outra persoa. Alén de que a doazón dun ril entre vivos debe ser libre e voluntaria, sen presións nin coaccións. As persoas que doan teñen que pasar por moitos trámites e profesionais e cando se entrevistan con nós normalmente xa teñen cumprido todos os demais requisitos, xa recibiron moita información e tiveron que dar conta de moitas cousas.
—Estarán os Comités de Ética Asistencial na Comisión Galega da Eutanasia, como pediron?
—Entendo que, polo menos agora non van contar cos comités de ética das áreas sanitarias. Desde os comités pedimos integrar esa comisión, pensamos que sería interesante a nosa presenza; e de momento non contan con nós.
—Que prioridades contemplan no comité para este ano?
—Estaremos moi atentos á situación asistencial despois da pandemia. Recoñezo que hai incorporacións, como a consulta telefónica, que poden estar ben para certas situacións, e que é ben valorada por profesionais e por doentes; porén, preocupa a diminución da presencialidade, non sempre se pode substituír o contacto directo nas relacións entre profesionais e doentes, é necesario para chegar mellor a acordos e evitar conflitos.