As vacinas protéxennos, e ás crianzas tamén

Sonia Villapol
Sonia Villapol LIÑA ABERTA

SANTIAGO CIUDAD

David Zorrakino | Europa Press

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos maiores enganos da pandemia foi que as crianzas nin se infectaban nin contaxiaban da covid. O peor é que ás veces non soaba falso, porque estas afirmacións viñan de pediatras, ministras ou representantes de institucións educativas. Á xente confundíuselle tanto para manter as escolas abertos que agora estas mesmas mentiras fan que se crea que as vacinas para as crianzas non son necesarias.

A incidencia de contaxios neste grupo de idade sen vacinar nas últimas semanas aumentou moito, e os pais e as nais que mandan aos seus fillos pequenos á escola están experimentando ansiedade porque eles están vacinados e os seus fillos e as súas fillas non. Coa chegada da variante ómicron altamente transmisible e a baixada da protección das vacinas transcorridos os seis meses, augurase unha nova vaga de contaxios nas próximas semanas. Polo que ten que seguir imperando o principio de máxima precaución.

As crianzas teñen unha resposta innata que lles confire unha gran protección fronte a infeccións, pero non sempre. Aínda que a metade dos casos da covid son asintomáticos, en España rexistráronse máis de 6.000 hospitalizacións de menores con covid, e 37 falecidos. Contaxiarse tamén é xogar coa probabilidade de que o virus cause algún tipo de síntomas que prexudiquen a saúde física e mental a longo prazo trala infección. As máscaras, as probas regulares de antíxenos, a ventilación controlada representan as cubertas de protección para os nosos cativos, pero tamén as vacinas.

En Galicia comezouse a vacinar ao grupo de idade de 5 a 11 anos esta semana. Os nenos e as nenas non son pequenos adultos, polo que houbo que realizar todos os estudos de farmacodinámica antes da aprobación da vacina pediátrica. Os ensaios clínicos previos á aprobación enrolaron participantes en de varias cidades, entre eles 50 cativos en Santiago de Compostela. Sen a súa participación, non teriamos as vacinas autorizadas agora mesmo. Todos os datos de seguridade e efectividade foron minuciosamente revisados e a día de hoxe, un mes despois da súa aprobación nos EE.UU, xa van case cinco millóns de nenos de nenas entre os 5 e 11 anos que se vacinaron, o que representa un de cada cinco nesa marxe de idade. Non se detectou ningún evento adverso grave, como reaccións alérxicas, ou casos miocardite, que era un dos efectos raros rexistrados nos adolescentes. As vacinas pediátricas de Pfizer preséntanse nos botes laranxas, e dúas doses de 10 microgramos, un terzo da dose dos adultos, demostrando que esta dose tan baixa ten unha eficacia do 91 % de protección da covid sintomática, producindo unha forte resposta inmune comparable á dos adultos. Agardase que os menores de 5 anos reciban unha dose incluso máis baixa, coa aprobación ó comezo do próximo ano. Ademais, os efectos postvacina nos cativos son leves, dor no brazo na lugar de inxección, cansazo ou dor de cabeza, polo que non representa unha maior preocupación.

Tamén sabemos que os efectos secundarios a longo prazo despois de calquera vacina son extremadamente raros. Historicamente, o seguimento da vacina demostrou que, si se producen efectos secundarios, adoitan ocorrer dentro das seis semanas despois da inxección. Por este motivo, as entidades reguladoras aseguráronse de que cada unha das vacinas autorizadas contra a covid fose estudada durante polo menos oito semanas despois da dose final.

A pesar disto, a xente segue a preguntarse por que as crianzas precisan dunha vacina. Non só que as vacinas reducen os contaxios e a propagación do virus, e evitan que os cativos enfermen da covid, seguimos a investigar a incerteza do impacto da covid persistente na infancia, e xa temos outra razón máis para a protexelos. Os síntomas da covid que non desaparecen ou que xorden meses despois da infección tamén existen nos menores a pesar de ser menos preocupante que nos adultos. Aínda que polo momento hai moitas controversias nos estudos de covid a longo prazo, e resulta difícil facer unha estimación da porcentaxe dos cativos infectados que sufriran covid persistente, non podemos negar que as complicacións asociadas á enfermidade van ser unha realidade. A medida que aumentan os contaxios na infancia, os rexistros de casos de covid persistente vai en aumento. Pódense presentar trastornos por déficit de atención, fatiga, perda de gusto ou olfacto, ou problemas respiratorios meses despois da infección, polo que hai que prestar interese e recibir atención médica precisa.

Cómpre protexer ás nenas e nenos da infección do SARS-CoV-2 con todos os medios posibles, e as vacinas son un escudo máis para elo.