Carlos Pazos«O monocultivo do sector turistico fai as sociedades máis vulnerables»

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

Estuda o crecente interese da sociedade portuguesa polos Camiños a Compostela e o impacto das rutas xacobeas nas comunidades locais

02 nov 2021 . Actualizado a las 23:10 h.

En Portugal existe un crecente interese polos camiños de peregrinación a Santiago: «Así como aquí é unha data importante o ano xacobeo de 1993, en Portugal o impacto é maior desde o 2010; e en especial desde que no 2019 o Parlamento portugués lexislou sobre os camiños de Santiago, iso supuxo un antes e un despois, porque de algunha maneira están institucionalizados e hai una serie de orientacións legais para o estabelecemento dos itinerarios e para outras cuestións relacionadas con eles», afirma Carlos Pazos Justo, profesor da Universidade do Minho, en Braga, onde coordina o Centro de Estudos Galegos. A semana pasada coordinou na Facultade de Filoloxía da USC o congreso internacional sobre alianzas e ameazas das rutas xacobeas para as comunidades locais.

Nese congreso houbo importante presenza portuguesa, da súa universidade e da de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), e do Instituto Superior Politécnico do Porto, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo e da Escola Superior de Hotelaría do Estoril: «O desenvolvemento dos Camiños de Santiago os últimos anos en Portugal tamén se traduce nun crecemento moi significativo de persoas que peregrinan. O que máis crece é o Caminho Português da Costa, que vai de Porto a Caminha ou a Valença, ten esas dúas variantes. É interesante notar que moitos itinerarios portugueses, sobre todo no Norte, que son os máis desenvolvidos, son tamén moi frecuentados por persoas estranxeiras, grazas a elementos que estudou o profesor Xerardo Pereiro [outro galego na universidade portuguesa, na UTAD] como o aeroporto Sá Carneiro, que atrae persoas de varios países europeos interesadas no Camiño».

Carlos Pazos afirma que neste recente congreso «constatamos, en liña do que foi discutido por exemplo pola profesora Cristina Sánchez Carretero, do CSIC, e outras intervencións, que o impulso principal que está tras do desenvolvemento dos Camiños de Santiago en Portugal, e tamén na Galiza, é sobre todo un impulso turístico-económico, que de algunha forma oculta, ou non se interesa polas comunidades locais que atravesan».

As discusións alertaron que «o impacto económico do Camiño de Santiago, e do turismo en xeral, terá que ser relativizado, e ser estudado con maior detalle. Porque o monocultivo do sector turístico fai as sociedades máis vulnerables; e hai que valorar os impactos sociais que poden implicar nas comunidades locais».

Nos traballos sobre Compostela, destaca o do profesor Emilio Carral «que evidenciou como no confinamento, cando non había turistas, boa parte dos negocios de Santiago que dependían menos do sector turístico conseguiron sobrevivir mellor, en función dos consumos locais». Ou o de Elías Torres «que presentou unha comunicación, en liña con seu estudo premiado pola Cátedra dos Camiños da USC, no sentido de como hai espazos simbólicos da cidade que son menos usados pola cidadanía santiaguesa que hai 20 anos, como o entorno da catedral, ou a propia catedral, cando están máis ocupados pola industria do turismo». Ou da profesora Beatriz Busto «que estudou a representación de Santiago no nodo [acrónimo de Noticiario y Documentales, que se proxectaba nos cinemas entre 1942-1981] entre outras narrativas que tendenciosamente ocultan, ou non promoven, a existencia das comunidades locais e as experiencias ou prácticas de visitantes e persoas que peregrinan nesas comunidades».

Por iso, afirma, na USC estiveron axentes das sociedades galega e portuguesa, e produtores da comarca da Ulloa «que defenderon proxectos que inclúen as comunidades e iniciativas empresariais locais diferenciadas na propia idea do Camiño».