Sabela Maneiro, de Tanxugueiras: «En Santiago páranme cada día para saber se reservan voo para Eurovisión»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

«A nosa familia sempre nos fala dunha bisavoa que tocaba a pandeireta no Rueiro, na zona do Carme. As miñas raíces están en Santiago», remarca Sabela Maneiro
«A nosa familia sempre nos fala dunha bisavoa que tocaba a pandeireta no Rueiro, na zona do Carme. As miñas raíces están en Santiago», remarca Sabela Maneiro PACO RODRÍGUEZ

A poucos días de que se peche o prazo para saber se presentan proposta para o festival, a pandeireteira lembra a historia persoal que se agocha tralo fenómeno musical: «De nena xa cantaba na taberna-tenda que miña avoa tiña en Pontepedriña»

02 nov 2021 . Actualizado a las 07:03 h.

A poucos días de que remate o prazo de recepción de propostas españolas para Eurovisión, a compostelá Sabela Maneiro, unha das tres pandeireteiras de Tanxugueiras, o grupo que resultou favorito dos seguidores do festival nunha enquisa previa, admite que a pregunta de se se van presentar xa é unha constante. «En Santiago páranme cada día para saber se reservan voo para ir a Italia ao certame», apunta divertida. «Hai bromas de seguido con iso, sobre todo onde máis nos coñecen, como en Pontepedriña», precisa ao falar do barrio onde se criou xunto a Olalla, a súa xemelga, outra das integrantes do grupo. «Os meus pais, pouco despois de nacermos, fóronse a unha casa a Teo. Alí fomos ao colexio e comezamos nunha asociación cultural na que aprendemos a tocar a pandeireta», aclara. «Aínda así, moita vida seguiámola facendo nesta rúa, onde miña avoa tiña unha taberna-tenda, o bar O caseto. Lembro ter axudado a servir tazas de viño. De nena xa cantaba aí. Algúns clientes pedíano. Moitos gusanitos logrei así», sinala cando repasa a súa intensa traxectoria. «Teño un batiburrillo de datas. Pasou todo moi rápido», recoñece aos 31 anos.

Tras estudar no instituto de Pontepedriña, cursa os ciclos de emerxencias e auxiliar de enfermería e comeza a traballar en residencias, como na de San Marcos, aínda que sen se esquecer da música. «Dende hai sete anos, cando Aida entrou na asociación de Teo, miña irmá, ela e eu vimos que as nosas voces mesturaban moi ben. No 2016 xa decidimos montar un grupo; queriamos ir ás foliadas. Como necesitabamos un nome, pedímoslle a un amigo de Riós que nos dixera algúns. Tanxugueiras é unha microtoponimia dese concello. Gustounos a sonoridade e dixemos, 'este', sen máis», destaca riseira ao falar dunha agrupación que partindo dunha base tradicional non deixa de abrir novas portas. «Os inicios foron marabillosos. Ensaiabamos na miña furgoneta e iamos a tocar por toda Galicia», evoca. «O noso primeiro concerto en palco foi nas festas de San Pedro. Foi gracioso porque nos pediron o rider (documento coas necesidades técnicas do artista) e nós non sabiamos que era», rememora sorrinte. «Outro sitio moi especial para nós é a Casa das Crechas. Alí tocabamos os mércores e notabamos que cada semana se nos coñecía máis. Tras poucas actuacións, a Banda das Crechas propúxonos ir ao festival Celtic Connections, en Glasgow. É unha das nosas mellores lembranzas. De repente vímonos ante 4.000 persoas», resalta. «Agora sentes vertixe, pero antes eramos máis inconscientes. Tamén é certo que cando temos presión, non nos achicamos. Vímonos arriba, ás veces demasiado», valora cun sorriso. «Foi nese concerto onde alguén nos fixo un vídeo mentres improvisabamos nos camerinos sobre unha mesa. Alucinamos ao ver que tivo máis de 200.000 visualizacións», recoñece ao rescatar unha gravación viral que no 2017 xa as puxo no mapa. «Creo que a xente valora que somos o que ven sobre os escenarios. Tamén, que non mudamos», reflexiona mentres incide nunha carreira que, sen ataduras musicais, e con autenticidade, comezou a sumar países -«fomos as primeiras mulleres que lideramos un grupo de músicos locais no estado indio de Rajastán»-, galardóns e seguidores. «Algo que emociona é ver a nenas que nos din que se fixeron pandeireteiras por nós», remarca agradecida a unha boa acollida entre o público que aflorou na votación para Eurovisión.

«Foi toda unha sorpresa. Moita xente nós pregunta se nos apuntamos nalgún sitio, pero nós nin sequera sabiamos que había unha enquisa previa...», destaca sorprendida. «Pero facemos unha lectura positiva. Estamos chegando en galego a moito público», defende sen desvelar nada. «Si podo dicir que o estamos valorando. Tamén, que cremos que as cousas se cambian dende dentro. Se optamos por non presentarnos non defraudariamos, pero si creo que sería unha decepción para quen busca un cambio. Algo que temos é que confiamos tanto no noso proxecto que non vemos nada descabellado», analiza. «Non nos sentimos presionadas, aínda que ninguén nos fala doutra cousa», engade rindo e sen esquecer o eido persoal. «Meu pai vive por e para Tanxugueiras. Eu xa lle insisto en que non me fale do grupo cando vou á casa de Teo», di con cariño. «Residín nese concello os últimos anos, pero non descarto volver a Pontepedriña. No barrio véñenme todos os recordos», conclúe.