O de Conxo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

SANTIAGO CIUDAD

26 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocarballo grande da fraga do banquete de Conxo aspira a ser nomeado como Árbore Europea 2022, para o que antes ten que ser o máis votado das candidaturas españolas. Habémolo de conseguir, porque á parte do seu valor como grande árbore e da contorna na que está emprazado -misteriosa, frondosa, con pedras que falan da nosa historia- garda segredos que poida que nunca saibamos, entre outros, os de Rosalía de Castro.

É unha árbore senlleira, aínda que non estea incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, o que non lle resta valor. Que haxa un catálogo significa que perigan e que podemos acabar con elas. Que haxa un catálogo do patrimonio ou das casas dun centro histórico dá a entender que en calquera momento nolas podemos cargar, ben derrubándoas, ben deturpándoas. Ata nós chegaron uns e outros, durante séculos, sen estar catalogados. Son 157 exemplares en case trinta mil quilómetros cadrados de superficie: case como pezas de museo, e hai un paralelismo cos bens de interese cultural, que tamén son un puñado deles.

Coido que hai que facer unha reflexión á inversa: cales son os espazos que podemos sacrificar, mantendo e conservando o resto, tanto das árbores como da arquitectura ou da etnografía. Unha árbore, por moi senlleira que sexa, illada dunha contorna coherente é como un edificio illado no medio do deserto. Só nos vale como atractivo turístico, é como un fito para a peregrinación ou para o autorretrato.

Cando algo só serve para o turismo é porque está morto, convertendo en parques temáticos os nosos bens patrimoniais. Sen vida.