Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Santiago apóstolo, guerra e paz

SANTIAGO CIUDAD

Denís E. F.

22 oct 2021 . Actualizado a las 19:21 h.

Desde a infancia veño contemplando os rostros de Santiago na súa sé. Daquela infundíanos medo, tratabámolo de vostede. Os procesos de restauración foron desvelando as faces deslucidas e miro agora a imaxe do parteluz, solemne, compendio da beleza sublime, a sedente do altar maior co seu sorriso retranqueiro, probablemente froito de antigos repintes, e a efixie ecuestre do miles Christi que, con aire indiferente, brande a espada sobre os mouros espantados, como se aquilo nada tivera que ver con el. Hai tempo que me decidira a atuar o Apóstolo, cando era o veciño de en fronte e resultaba arduo explicar aos visitantes do mundo árabe a simboloxía bélica do tímpano do Pazo de Raxoi.

A presenza de Santiago en Compostela e as lendas que o acompañaron desde a travesía en barca de pedra ata ser depositado nun lugar de enterramento dominado polo poñente, non son só cuestión de crenzas. Desde moi cedo foi utilizado, como todos os símbolos na historia das relixións, na guerra e na paz. Cal era a forza dese inxenuo relato como para que se alzara un camiño de peregrinación, de piedade e de cultura, fronte a unha invasión islámica non menos culta? Despois viñeron os Reis Católicos e a proxección do Apóstolo a América, ás veces como conquistador e outras vestido como paladín de indíxenas, os vaivéns do padroado coa Casa de Austria, os Borbón e o franquismo, que promove unha peregrinación vitoriosa para humillar os vencidos.

Europa, despois de dúas guerras, recupera a peregrinación para simbolizar o seu novo sentir, non por un acto confesional senón cun proxecto baseado nunha rede para enlazar as diversidades.