Francisco Martínez, comisario da gran exposición sobre a pratería e a acibechería: «Confiamos que a sociedade civil de Santiago e galega nos presten pezas»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Ramón Leiro

O patrimonio privado completará os fondos procedentes da Igrexa e da USC para a mostra, que se celebra no colexio de Fonseca e na igrexa da USC en xuño, xullo e agosto

11 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador da arte Francisco Martínez Vilanova, especialista de referencia no estudo da ourivaría tradicional en Galicia, afirma que «a ourivaría de Compostela é moi descoñecida en Galicia e en España, cando aparece referenciada nas grandes monarquías europeas, como a inglesa ou a española, e no Vaticano, onde tamén se conservan pezas magníficas. Fermín Bouza Brey organizou en 1962 a última gran exposición monográfica. E en proxectos culturais como Galicia no mundo, entre outros, tamén tivo espazo importante». Este investigador é comisario de A pratería e a acibechería en Santiago: historia dunha arte milenaria, unha gran exposición que se proxecta para xuño, xullo e agosto no Colexio de Fonseca e na Igrexa da USC, co apoio do Consorcio e Concello de Santiago, Xunta, Deputación da Coruña e Universidade.

 «A mostra ten carácter historiográfico. Interesan pezas litúrxicas, e aí non temos problema, porque están ben conservadas pola Igrexa. O mesmo acontece co patrimonio da USC, que nos ofrece toda a colaboración. A maior preocupación é recuperar a orfebrería laica, civil, que acompañou a familias de notarios, médicos, escribáns e outras, que a utilizaron como enxoval doméstico. É difícil de localizar, porque está en familias moi concretas e houbo problemas de diáspora, de dispersión, moita mesmo se malvendeu e se fundiu. Por iso facemos un chamamento e confiamos que a sociedade civil de Compostela e galega nos presten pezas de prata e acibeche singulares e as cedan para esta mostra», afirma Fernando.

«A exposición pretende ser un percorrido amplo por 8 séculos deste gremio, que acompañou o Camiño de Santiago. Interesan bandexas, gavetas, cruces procesionais, escribanías, enxoval doméstico e todo tipo de pezas que se fixeron en prata para as familias fidalgas e as clases máis podentes do país. Tamén de acibeche, que están igualmente pouco estudadas: figas, cruces procesionais, figuras, tallas, pequenos oratorios e outras», acrecenta.

Antes de ceder hai que enviar unha fotografía da peza ao correo electrónico prateriacompostelana@gmail.com «e en breve responderemos confirmando se interesa ou non. As pezas que cedan estarán aseguradas e constarán nun catálogo. Escolleremos as mellor conservadas e as que evidencien máis certas rupturas estilísticas e avances na dinámica da produción deste material artístico», enfatiza.

Fernando asegura que xa se coñecen moitas pezas «entre as que hai moitas reiterativas, porque no século XIX fixeron moitas réplicas iguais; por iso interesa coñecer máis e mellor esa produción», resalta. Avanza que a partir desta exposición existe o proxecto de promover un museo da pratería de Compostela.

Destaca que «xa Bouza Brey anotou como nos séculos XVIII e XIX só en Santiago houbo máis de 120 ourives catalogados, sen contar os aprendices. Iso dá idea da magnitude deste gremio, que traballou innovando, e que se soubo adaptar aos estilos artísticos do momento como o barroco, o rococó, o neogótico e outros. Houbo sagas familiares que duraron cen anos, e máis, como os Cedeira, procedentes de Portugal, Martínez Costoya, e máis. Marcaban as pautas da modernidade e da actualidade e transmitían o seu maxisterio a outros que se instalaron en Noia, Betanzos, Padrón, Ourense e outros espazos de Galicia; e de Francia, Alemaña, Portugal e outros países, exerceron moita influencia».

É unha historia moi descoñecida, insiste «que ten unha dimensión extraordinaria e traballaremos co máximo empeño para pór en valor ese legado cultural e abrir camiños para novas investigacións. Queremos contribuír a dignificar a valiosa historia dun dos gremios máis antigos de Europa».