Universidade compostelá

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

SANTIAGO CIUDAD

Gonzalo Iglesias

03 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O máis importante que aconteceu nos últimos tempos en Santiago de Compostela foi a reunión, despois de moito tempo, do Real Padroado da cidade. O asunto víñase demorando por mor do Goberno central dende hai case vinte anos. Máis importante aínda foi a extensa representación coa que acudiron todos os poderes que o compoñen, no caso da familia real era doado, pero non tanto no do Goberno do Estado, no que competiron ministras, ministros e vicepresidentas por saíren na foto. A reunión do Padroado acompañouse sempre dun alento inversor estratéxico para a capital de Galicia que neste altura xa ía facendo falta. O deseño para o próximo decenio está feito, agora como con teimoso tino di a oposición, confiemos que cheguen os fondos.

A cidade de Santiago, nacida para atraer, posiblemente por esa mesma razón ten moita facilidade para expeler e certa tendencia á introspección, quizais por iso necesita remexerse de cando en vez con este tipo de acontecementos que impresionan máis aos foráneos que aos picheleiros capitalinos. A cidade inventouse como mito relixioso para atraer poderes e con eles pelegríns hai mil anos, hai 500 reorientouse como núcleo de saberes renacentista coa creación da universidade para atraer estudantes e coñecemento, hai 200 empezou a converterse no sanatorio do noroeste peninsular e hai 40 na capital da Galicia autónoma. Sempre disposta a recibir, preparada para acoller e afeita a ver pasar visitantes que a fan súa, ou cren facela súa nunha soa misa, nunha soa consulta médica ou nun só curso universitario. Sempre poderosa foi por iso atacada e roubada, de Almanzor a Franco.

Despois de tantas restauracións xacobeas de pedra santa, o interesante da programación saída da última reunión do Padroado é a ollada fóra do núcleo apostólico e a atención por fin á cidade universitaria.

Dentro da zona vella —xa di todo que lle chamemos así ao núcleo histórico— os edificios universitarios caen directamente sobre os cidadáns ou locen aparencias impropias dun patrimonio conservado. Tal acontece co edificio histórico da universidade ilustrada e liberal, actual Facultade de Historia, ou co complexo colexial de San Xerome e Fonseca, incluída a torre expropiada na posguerra polo golpismo triunfante á universidade, á vez que o seu Seminario de Estudos Galegos; por non falar do esquecido Colexio dos Irlandeses.

Dolorosamente incomprensible é o abandono durante catro décadas do campus universitario da Residencia, unha xoia única en España, sometida á degradación de ser o aparcadoiro barato da cidade e ameazada ano tras ano con ser furada para permitir acoller máis visitantes diarios e ocasionais chegados en todo tipo de vehículos.

A cidade sempre tivo dous apóstolos e agora parece que toca por fin recuperar o laico e ilustrado. Gaudeamus.