Esther Martínez: «O próximo curso teñen que mellorar o benestar e a participación nos colexios»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Esther Martínez presidiu 8 anos a ANPA do colexio de Roxos e agora a do IES Eduardo Pondal de Santiago
Esther Martínez presidiu 8 anos a ANPA do colexio de Roxos e agora a do IES Eduardo Pondal de Santiago PACO RODRÍGUEZ

«A pandemia foi moi estresante para o alumnado de primaria e da ESO», di a profesora da USC e vicepresidenta da Federción de ANPA de Santiago

18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«As familias do alumnado deberíamos traballar máis en conxunto cos centros escolares para consolidar na educación relacións igualitarias e outros valores, para formar mellores persoas e cidadáns», afirma Esther Martínez, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e vicepresidenta da Federación de asociacións de nais e pais (ANPA) de Santiago. Colaborou desde hai 14 anos coa ANPA do colexio de Roxos, onde estivo 13 anos na directiva e os 8 últimos de presidenta. Desde novembro preside a ANPA do IES Eduardo Pondal.

-Como valora a súa experiencia na ANPA de Roxos?

-Reivindicamos solucións para problemas das instalacións, masificación de aulas e ás veces insuficiencia de docentes para as necesidades do alumnado. Lembro con satisfacción como conseguimos desdobrar algún grupo numeroso, o novo edificio de educación infantil, ou a colaboración estreita co claustro, que se perdeu un pouco coa pandemia. Para min esa experiencia contribuíu para un desenvolvemento persoal e tamén profesional.

-Agora preside a ANPA do IES Pondal, é diferente?

-Nos institutos, ás veces as ANPA teñen pouca visibilidade cando teñen moito que facer. O Pondal é un IES con problemas de espazo, está pendente dunha obra de ampliación, necesaria para un ensino de calidade.

-Alén destes dous centros, está moi masificado o ensino público?

-Os problemas responden en parte a un deficiente mapa escolar. Outro exemplo é o acontecido co IES de Lamas de Abade, onde querían pechar a ESO e o bacharelato e non se soubo máis do tema. Falta unha planificación que teña en conta as necesidades de Santiago e dos concellos próximos, para ver se son necesarios novos centros e onde, e transformar os centros actuais ou facer máis novos, e que sexan máis amables e acolledores.

-Como responderon os centros de ensino da cidade na pandemia?

-A pandemia foi moi estresante para o alumnado de primaria e da ESO, moi dura. Enfrontaron unha situación nova, con problemas nas casas, e moitas normas e restricións, nun momento en que, pola súa idade, necesitan da interacción persoal. Houbo dificultades polas aulas burbulla, os problemas para a relación con colegas, que non houbese saídas e actividades como outros anos ou de ter que facer cuarentenas. A maiores tiveron a esixencia desta sociedade de obter as mellores notas, de destacar; do éxito académico, que se valora máis que outros obxectivos do ensino como o desenvolvemento de bos cidadáns. A pesar da presión, aceptaron e asumiron ben as normas e non houbo moitas situacións complicadas.

-Que espera do próximo curso?

-O próximo curso teñen que mellorar o benestar e a participación nos colexios. As ANPA esperamos un ensino presencial, con todos os recursos necesarios para garantir a calidade da docencia e o benestar emocional do alumnado; que se tomen medidas que permitan, en función da evolución da pandemia, unha maior normalidade; e recuperar tamén a participación e a presenza das familias nos centros, para poder falar directamente co profesorado e non case exclusivamente por teléfono como este curso; aínda que sexa con medidas de seguridade, ventilación, ou se utilicen espazos abertos.

-E a participación?

-Temos que aproveitar as oportunidades da nova lei educativa, a Lomloe, e recuperar os consellos escolares como órganos reais de decisión. Debemos mudar a cultura dos últimos anos de Lomce e volver a aprender a asumir e a compartir responsabilidades de gobernar un centro, co profesorado e co equipo directivo.

«O calendario escolar debía mudar cos novos currículos»

Destaca Esther Martínez que «coa pandemia baixou o alumnado en moitas aulas, con desdobres, novos espazos e reforzos de docentes. Iso permitiu ver a importancia pedagóxica dos grupos reducidos e unha educación de maior calidade. Avanzar na redución do alumnado é un desafío pendente do sistema educativo. Tamén cómpre analizar os fallos polos que parte do alumnado non recibiu o ensino adecuado na pandemia e pór os medios para que non se repitan».

-Os institutos adiantan o próximo curso a convocatoria de setembro para finais de xuño, como valora esa mudanza?

-É unha mudanza que se fixo sen dialogar, e en contra do criterio das ANPA, como xa se dixo.

-Por que esa resistencia?

-Esa é unha opción máis que se pode valorar, aínda que a vemos negativa tal como se fixo. Habería que estudar ben os tempos apropiados para o alumnado, pois todo o sistema educativo se debe centrar nel. Adiantar esa avaliación reduce o tempo para recuperar materias; e non se amplía o curso, pois non comeza antes.

-Como se tería que facer, pois?

-A consellería debería aproveitar a oportunidade para traballar no calendario escolar un curso máis e harmonizar esa mudanza cos novos currículos da Lomloe, que entran en vigor no curso 2022-2023. Porque tal como se fixo, o alumnado da ESO vai ser avaliado dos mesmos contidos con 15 días menos de aulas, ou máis. Iso suporá máis estrés no alumnado e no profesorado, que van ter que preparar eses contidos con menos tempo. Penso que se perdeu unha oportunidade valiosa de abrir un tempo para dialogar sobre o calendario escolar e chegar a acordos coas familias.

-Os últimos anos participou moi activamente nas reivindicacións sobre os comedores escolares de Santiago, houbo avances?

-Non hai nada novo. Continuamos coas mesmas demandas. O modelo de caterin non nos convence, queremos outro novo e non hai ningún avance; e sen esquecer as reivindicación que fixemos este ano tamén para o curso próximo: que sexa un servizo universal, que cubra as necesidades de todas as familias. Porque o comedor escolar non é un luxo, é unha necesidade.

-Lomce, Lomloe... hai moitas leis educativas estatais, sería interesante unha lei galega?

-Si, unha lei galega que contemplase a realidade galega, que respondese ás necesidades do noso país, reforzase a presenza da nosa lingua e cultura, o ensino no rural, o transporte escolar e outros aspectos e particularidades, e que servise para mellorar o noso ensino. Estaría ben, si.