Enrique Líster no Obradoiro

SANTIAGO CIUDAD

Enrique Líster, en 1986.
Enrique Líster, en 1986. D. BLANCO

11 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando, en 1977, Enrique Líster regresou do exilio na Unión Soviética á súa terra galega, faltoulle tempo para visitar -e revisitar- Santiago de Compostela, non en van el nacera a só nove kilómetros de distancia da capital galega, na aldea de Ameneiro, parroquia de Calo, no concello de Teo. Lembro a súa imaxe de rexo carballo ferido polos anos e pola exclusión das filas do PCE por Santiago Carrillo. Pero estas liñas non pretenden volver sobre esa historia, senón sobre a súa chegada á cidade das pedras inesquecibles. Aquel día, o xornalista Diego Bernal e mais eu atopámolo na rúa da Senra acompañado por un amigo da súa idade. Diego saudouno e presentoumo. El miroume fíxamente e dixo: «Veña, imos dar unha volta pola praza do Obradoiro». E, coma se fose unha orde, puxémonos en camiño.

É difícil describir a expresión iluminada do vello loitador, que fundara un partido chamado PCOE -Partido Comunista Obrero Español- con moi poucos militantes e moi acosado polo PCE de Santiago Carrillo. Nada disto distraía o seu asombro ó contemplar as pedras máxicas daquela praza magna. Parou a ollalo todo: a fachada da catedral, o pazo de Raxoi, o hostal dos Reis Católicos, o pazo de Xelmírez e o colexio de San Xerome.

Despois dun longo silencio, esperabamos que dixese algo. Líster respirou fondo e exclamou: «¡Aquí si que sinte un o orgullo de ser canteiro!». E seguiu a mirar, sen se mover, sen engadir máis. Foi daquela cando lembrei que o primeiro oficio daquel guerreiro tan recoñecido no mundo fora ese: o de canteiro, en Galicia e en Cuba. Todo iso antes de mergullarse na Guerra Civil e nos seus máis cruentos combates nas frontes de Madrid, nos arredores da estrada de Valencia e nas sanguiñentas batallas á beira do río Ebro.