María José López Couso: «A pretensión da USC segue a ser o respecto absoluto á presencialidade»

Cinthya Martínez Lorenzo
cinthya martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRíGUEZ

Sostén que recuperar a normalidade nas aulas pasa por vacinar á mocidade

11 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Universidade de Santiago fai balance dun curso que, aínda que resultou complicado, foi superado con nota. O maior medo, pechar algún centro pola aparición dun gromo de coronavirus, nunca chegou a producirse. Agora, nun escenario aínda de incerteza, sen saber cal será a situación epidemiolóxica de Galicia en setembro, toca poñer a vista no próximo curso. O protocolo que se espera ou como influiría a vacinación da xente nova nel, son algún temas aos que da resposta a vicerreitora de Titulacións.

-Finalizado o curso académico, que balance fan dende a Universidade?

-O balance é moi positivo. Fomos quen de organizar como Universidade un curso que se presentaba complicado. Estaba previsto a finais de mes de xullo funcionar nunha modalidade, pero ao finais do mes de agosto, cando saíron as novas indicacións do Ministerio e da Xunta, tivemos que reorganizar un escenario distinto. Demorouse o inicio do curso un par de semanas para permitir que os centros tivesen a posibilidade de variar as condicións de horarios e capacidade nas aulas naqueles casos que fose preciso. E fíxose en tempo récord. A docencia mantívose ao longo de todo o ano, agás aquelas dúas semanas no mes de febreiro, que a Xunta de Galicia decidiu que se pechaban as universidades e pasabamos a unha modalidade non presencial. O resto do curso desenvolveuse con absoluta normalidade. Combinando eses dous escenarios: o presencial e o de adaptación ou semipresencial, que contemplábamos nas nosas directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura.

-Como foron esas dúas semanas de febreiro?

-O período de exames estaba practicamente rematado cando se produciu esa situación de novo confinamento ou de peche das Universidades. Quedaban, creo recordar, dous ou catro días, nada máis. Só quedaba algún exame solto. A recomendación na convocatoria de exames sempre foi de exames presenciais e a proporción de exames online foi moi baixa.

-Como se prevé o próximo curso académico 2021-2022?

-O que pretendemos o anterior curso, e tamén o seguinte, é un respecto absoluto ao carácter presencial da USC. Queremos seguir mantendo o modelo presencial tanto na docencia como na avaliación. Cando non sexa posible, faremos uso das ferramentas e dos procedementos que este curso xa nos demostraron que funcionan ben. Temos aprobado en Consello de Goberno dende finais de abril un plan de continxencia para o desenvolvemento da docencia no curso 21/22, e temos os mesmos tres escenarios que tiñamos no documento de bases do curso anterior. Esperamos non ir a un escenario tres de peche das instalacións. Pero a situación é incerta, como foi durante todo o transcurso deste ano. Eses documentos están aprobados xa, ao igual que toda a programación docente de todas as materias. Está todo publicado na páxina web da Universidade dende fai unhas semanas.

-Como afectaría a ese protocolo que a xente moza puidera ser vacinada este verán?

-En todas as cuestións que teñen que ver co uso dos espazos universitarios en termos de aforo. Sempre atenderemos ao que nos diga as autoridades sanitarias. De momento non hai unha directriz nin temos unha garantía de que cando empece o curso haxa que manter un aforo do 50, ou do 75 %, ou que haxa que manter unha distancia de seguridade dun metro e medio, ou dun metro vinte. Todo iso terá que concretarse e nós seguiremos esas indicacións. Si a vacinación da poboación moza avanza de aquí o inicio de curso, favorecerá un maior grado de normalidade. Pero tampouco sabemos como se vai a desenvolver nese sentido. Oxalá esteamos todos vacinados para entón.

«A Universidade é das mellor valoradas en ránkings estatais»

A pandemia tamén deixou pegadas positivas para a Universidade de Santiago. Serviu para reivindicar, aínda máis, o seu rol investigador, e non só fronte ao covid-19. Ademais, foi un ano no que a USC seguiu adaptándose ás necesidades da sociedade implantando novos graos nos seus campus universitarios de Santiago e Lugo, e un curso académico cun incremento do número de bolseiros a nivel estatal: un 17,3% máis que no 2020.

-As novas titulacións que se van impartir este ano na USC, como benefician á Universidade e ao alumnado?

-Unha universidade pública como somos ten unha serie de compromisos de cara a sociedade. Un deles é ir evolucionando e ir adaptando a súa oferta académica ás demandas que hai por parte da sociedade sen perder o carácter de universidade global que temos. Porque non somos unha politécnica nin unha universidade que se encontre escorada a un tipo de titulacións. Nestes últimos anos puxéronse en marcha algunhas titulacións que tiveron moi boa acollida: os graos de Robótica, o Grao de Bioquímica e o Grao de Empresa e Tecnoloxía, que empezou este curso 20/21 no campus de Lugo. Temos que esperar a ver que resultado dan. Neste momento estamos tramitando unha serie de titulacións novas xa para o curso 22/23 e aínda non temos o proceso completado. Como nova titulación de grao para este curso 21/22 temos o Grao en Xestión Cultural que tamén se vai ofertar no campus de Lugo.

-A pandemia recalcou o rol investigador da Universidade?

-A produción científica e os avances científicos da nosa universidade están fora de dúbida. É algo que non é de agora. Ten equipos punteiros de investigación en todas as ramas do coñecemento e moi especialmente nestes ámbitos da covid. Hai xente á que non lle gusta falar dos ránkings, pero están aí. E hai que velos. A USC é das mellor valoradas nestas clasificacións a nivel estatal, tanto en docencia como en investigación.

-Que balance facedes dende a Universidade de Santiago do aumento de bolseiros neste curso?

-Que haxa un incremento de estudantes que obteñen unha bolsa para poder iniciar ou continuar os seus estudos ou a súa carreira investigadora sempre é unha boa noticia. Nós estamos moi satisfeitos de que haxa axudas públicas que permitan a estudantes que ao mellor non contan con recursos suficientes poder desenvolver unha carreira universitaria. É unha función principal da universidade pública: poder ofrecer igualdade de oportunidades.