María, a cabreira

Óscar Reboiras Loureiro

SANTIAGO CIUDAD

Óscar Reboiras estudou Xornalismo na USC. Despois de anos centrados na xestión de redes sociais e na comunicación corporativa, agora dedícase ao márketing dixital
Óscar Reboiras estudou Xornalismo na USC. Despois de anos centrados na xestión de redes sociais e na comunicación corporativa, agora dedícase ao márketing dixital

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A última vez que coincidín con ela foi hai seteanos. Daquela, ao igual que nesta ocasión, eu ía en bicicleta de montaña cara ao miradoiro do Pico Muralla.

Vina no alto de Campelo, nunha pista de difícil acceso, chea de pedras e rodeada de toxos. Camiñaba coa seguridade dun sherpa que mira o mundo dende as alturas, coa sabedoría e a humildade que desprende a montaña.

Pasei de longo, un tanto abraiado, e dei media volta. Pregunteille se lle podía sacar unha foto. Eu estaba abaixo, na pista asfaltada, e ela uns metros por riba, na corredoira, pegada a un can que me ladraba ameazante. Decidín non achegarme máis, por iso de que non desconfiase, e pregunteille polo nome. Díxome que se chamaba María. Cando quixen saber máis do rabaño de cabras que pastoreaba, contestoume que non era dela, que pertencía a un home que se chamaba José. Xa di o refrán que máis sabe o raposo por vello que por sabio.

Vela de novo, tanto tempo despois, debuxoume un sorriso na cara. Pechaba a comitiva de cabuxas coa experiencia dunha mestra que non perde ollo de ningún alumno. Apoiábase nun pequeno pau, e avanzaba lenta. Os anos non pasan en balde para ninguén. Vina moito máis eslombada, tanto, que me recordou o escuadro que usabamos nas clases de debuxo. De novo admiroume a súa capacidade de traballo e de sacrificio. Parei preto dela e saudeina.

-Bo día.

-Buenos días -respondeu.

-Dan moito traballo as cabras? -preguntei.

-Déixanse levar -díxome, medio encollendo os ombreiros, medio indicándome que que clase de pregunta era esa.

Sen darme por vencido, volvín á carga.

-Supoño que ten que ser duro andar por aquí con elas.

-Sarna con gusto...

-Xa, pero entendo que tampouco ten necesidade de andar por estes sitios co tempo que fai -insistín, sinalando o ceo agrisado e desapracible.

Ergueu un pouco a cabeza e miroume. Primeiro detívose no casco, despois parouse na chaqueta impermeable e, por último, deulle unha varrida visual á bicicleta. E aí rematou a conversa, selada cun silencio tan antigo coma diáfano para os que queren escoitar. Eu tirei para a casa e ela seguiu, cos seus animais detrás, compañeiros fieis desa muller enxoita que camiña coa confianza do que non ten présa.

Óscar Reboiras Loureiro

Estudou Xornalismo na USC. Despois de anos centrado na xestión de redes sociais e na comunicación corporativa, agora dedícase ao marketing dixital