Rosalía Soto, mellor nota de Galicia en selectividade: «Decidín facer este último curso a distancia para evitar o risco de contaxio»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Rosalía Soto Rey, una de las tres mejores notas en la última ABAU
Rosalía Soto Rey, una de las tres mejores notas en la última ABAU Sandra Alonso

Esta compostelá obtivo, xunto a outras dúas alumnas, a mellor cualificación nas probas de acceso á universidade despois dun ano de moito esforzo

20 jun 2021 . Actualizado a las 03:22 h.

Foi un ano duro, de pandemia, que a levou mesmo a cambiar de instituto, pero para Rosalía Soto Rey o esforzo dos últimos meses mereceu a pena. É unha das tres mellores notas na última avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, a agora chamada ABAU e antes selectividade, cunha cualificación de 13,96 sobre un máximo de 14 puntos. O curioso deste ano é que tres alumnas sacaron a mellor nota, algo que como di esta moza compostelá, é significativo: «houbo un triplo empate de tres alumnas que temos a mellor nota», conta.

No seu caso fixo unhas probas brillantes, nas que obtivo dez tras dez ata chegar ao exame de Inglés, no que tamén o rozou e quedou cun 9,5. Foi unha selectividade case perfecta: a máxima nota na fase específica, un catro, e un 9,96 na xeral.

Estudante do instituto de educación secundaria Antonio Fraguas ata o pasado ano, este curso fixo o segundo de bacharelato no IES San Clemente, o centro de educación a distancia da cidade, porque a pandemia mudou moitos hábitos e decidiu non correr riscos. «Cambiei porque era unha situación complicada. Eu estou tamén estudando no conservatorio e para non poñerme tanto en risco de contaxio decidín facer este último ano a distancia».

Nin o cambio de centro desconcentrou a esta rapaza que case seguro estudará Física na Universidade de Santiago o vindeiro curso. Non terá polo tanto que deixar o seu domicilio, e iso permitiralle tamén seguir estudando clarinete no conservatorio da cidade. Por diante, dous meses de descanso que ben merece. «A verdade é que este ano traballamos moito e agora toca descansar para empezar con forza o curso que vén». Rosalía, que nuns días alcanza a maioría de idade, non agocha que os froitos que recolle son resultado do esforzo. As probas custáronlle, porque ademais os nervios estiveron moi presentes durante os exercicios. «Traballei bastante e, sobre todo, os últimos días agobieime moito. Aos exames tamén fun nerviosa e a verdade que custou», di.

Como ocorre nestes casos, a nota sorprendeulle. Saíu contenta da ABAU, sabía que lle saíran ben todos os exames pero non esperaba unhas cualificacións tan elevadas. Nin sequera se define como boa estudante: «Eu non é que me considere boa estudante, aínda que é certo que boas notas sacábaas». Pese a que ten que pensalo un pouco máis, case seguro que a Facultade de Física de Santiago teña a partir de setembro unha alumna máis que destacada. 

O número dez, de La Salle

Unha compostelá tivo a mellor nota de Galicia xunto con outras dúas alumnas galegas, pero no listado das primeiras cualificacións houbo outro rapaz de Santiago, Álvaro López Sánchez, un estudante do colexio La Salle que obtivo a décima mellor nota con dúas fases que rozaron o dez nas probas de acceso á universidade, un 9,75 e un 9,9.