Víctor Fábregas: «Sempre quixen ser actor, pero nunca pensei que podía vivir disto»

Irene Martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

A parella de Roberto Vilar nos Tonechos revela que daquela tiveran unha oferta de TVE

14 jun 2021 . Actualizado a las 21:38 h.

De tuno a tonecho e agora cómico. Víctor Fábregas Martínez naceu en 1971 nunha clínica da rúa de Xeneral Pardiñas, pero se criou en Esteiro, en cuxo colexio mamou o oficio naquelas aulas de teatro que dirixía o mestre e dramaturgo Xosé Agrelo Hermo, a quen se lle quere dedicar un Día das Letras Galegas. «Aquel home influíu na miña vocación actoral, pero tamén o meu querido veciño e lembrado actor, Xosé Manuel Olveira -Pico-. Entre os dous e outra xente recuperamos as murgas do Entroido na nosa terriña», segundo sinala Fábregas. Á hora de etiquetar a súa profesión elixe a palabra ‘cómico', no sentido que lle deu Fernán Gómez de «facer o que haxa que facer. Cómico é unha palabra absoluta, e tamén é o que fai chorar», sentenza.

Logo dalgúns anos en Dereito, Fábregas estudou Maxisterio e, despois, fixo un posgrao de teoría e práctica da interpretación, título ao abeiro da USC e o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), onde coincidiu coas actrices Mabel Ribera e Rosa Álvarez. «Nese momento marchei a Madrid a facer teatro clásico español. Estiven un ano en Alcalá de Henares facendo entremeses na Casa-Museo de Cervantes, pero por amor regresei a Galicia, onde empecei a traballar nunha conserveira en Carnota e xa sen amor», segundo conta a gargalladas.

A historia continúa cando un amigo o apunta nun cásting, que se facía no Hotel Oca Puerta del Camino, para o programa Sen perdón da TVG. «Vin de Carnota sen esperanza ningunha, e resulta que me elixen a min entre seiscentos aspirantes. Alí coñecín a Roberto Vilar e Xavier Manteiga, e entre os tres creamos o dúo Os Tonechos. Todo empezou facendo situacións cómicas espontáneas entre nós, ata que un día Manolo Abad -produtor de Luar- convidounos a facelo no programa. Ante o éxito, e logo de tres meses, enviei un burofax á fábrica informándolles de que non volvería a traballar», tal como explica.

Entre o 2001 e o 2008 Os Tonechos convertéronse nun «fenómeno social» a través da TVG. «A xente ía verme pola casa de meus pais coma quen ía a Lourdes. De tolos. Aínda hoxe van, pero soen confundir a nosa casa co chalé con piscina do lado -di entre risos-. Daquela tivemos moitas ofertas de fóra, mesmo unha de Chicho Ibáñez Serrador para a última etapa do Un, dos, tres de TVE. Pero preferimos seguir en Galicia, porque aquí estabamos moi a gusto e pagábannos moi ben».

Tras vinte anos no sector audiovisual, con participación en series de éxito como Pazo de familia ou espazos como Era visto, Fábregas mantén intervencións regulares en programas da TVG, como o Land Rober. «Estou moi contento coa miña participación periódica os xoves. Con Roberto teño unha relación absolutamente cordial e correcta, e divertímonos moito xuntos. Espero que no outono xa se podan facer actuacións en vivo con público… Pero, por exemplo, aínda non fixen teatro profesional en Galicia, algo que realmente me gustaría probar», segundo advirte.

Víctor, antes de ser cómico, foi solista de varias tunas compostelás, cuxo alcume era Sinatra. «Desa época queda moito, aínda que menos voz. Foron anos fundamentais para min, como artista e como persoa. Aprendes a valorar moitísimo a amizade e a compartir moitas vivencias. Eu non sería o que son hoxe sen contar os meus anos universitarios de tránsito pola tuna», conclúe.