A un paso da Gloria, fóra de Meirás


Entre 1188 e 1211 o Mestre Mateo asumiu as obras da catedral de Santiago de Compostela. A construción da fachada do Obradoiro xerou a modificación da gran obra mateana do Pórtico da Gloria. Parte das súas esculturas foron desprendidas, unhas permaneceron alí e outras cambiaron de mans. Esta dispersión motivou a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) en 2019 das nove estatuas que se atopan en mans privadas, entre elas Abraham e Isaac propiedade da familia Franco e localizadas hoxe no pazo de Meirás, se ben a súa titularidade dominical aínda está pendente de resolución xudicial.

A de BIC é a máxima figura de protección coa que contamos no Estado español e na Comunidade Autónoma de Galicia. Resérvase para os bens máis relevantes da nosa cultura. Por este motivo, trala anulación do auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que ordenaba que os bens mobles localizados no pazo de Meirás quedasen baixo o depósito do Estado por parte da Audiencia Provincial de A Coruña, a familia Franco iniciou os trámites para obter o permiso de traslado dos bens que están no pazo, tanto os non protexidos como os protexidos, as estatuas de Abraham e Isaac (declaradas BIC polo Decreto 100/2019) e a biblioteca Pardo Bazán, que goza do réxime protector con carácter cautelar, tras a incoación do expediente. O propio pazo é BIC dende 2008, mais non se incluíron os bens mobles que o integraban ao non ter acceso ao seu interior para inventarialos naquel momento.

Recentemente Alfredo González-Ruibal publicaba en Público un artigo sobre a importancia de escavar o Valle de los Caídos no que apelaba ao perigo de borrar a memoria, á necesidade de coñecer todos os aspectos que están detrás da construción dun relato, para non contar o noso pasado recente de xeito nesgado. Dicía que escavar é unha forma de coñecer e un acto transformativo feito dende as ferramentas da democracia. Unha postura que apela ao recoñecemento da memoria dende a materialidade e a inmaterialidade que leva implícita. Meirás é parte dese relato, e recolle un pasado anterior. Un edificio que Emilia Pardo Bazán constrúe no lugar de Meirás entre 1907 e 1920. Espazo logo doado ao xeneral Franco e que entre 1938 e 1975 foi residencia estival do xefe do Estado. Lugar en mans da familia Franco entre 1975 e 2020. Ao longo dese proceso o inmoble encheuse de memoria, da que forma parte o traslado alí das estatuas de Abraham e Isaac. Cando en decembro de 2020 o pazo pasa a mans do Estado, consecuencia dun proceso xudicial, comezaría a escavación para recuperar a súa memoria material e inmaterial nun acto de responsabilidade patrimonial e de salvagarda dos nosos bens, seguindo os designios da Carta de Cracovia (2000). O futuro dos mobles de Meirás decidirao a xustiza, mais levarse de Galicia as estatuas BIC, ou a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, sería ir un paso máis cara a desmemoria, e en contra da gloria do Pórtico.

Por Rebeca Blanco-Rotea Investigadora do grupo Síncrisis de la USC

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

A un paso da Gloria, fóra de Meirás