Xosé Ramón López Boullón: «Carvalho era unha gran figura, un referente, case un mito na Facultade»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O autor de «A Compostela de Scórpio» publica tres itinerarios na cidade, que a Xunta ofrece como recurso para o ensino

03 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As máis de 250 páxinas de A Compostela de Scórpio. A Compostela de Ricardo Carvalho Calero, volume de recente edición pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, son unha auténtica homenaxe a Santiago. Inclúen un plano ilustrativo da cidade; numerosas fotografías, que evidencian a evolución urbana no século pasado; e tres itinerarios relacionados co autor do último Día das Letras Galegas e con Scórpio, a súa narración premiada e máis celebrada. Estes itinerarios son «As rúas que transitan os protagonistas camiño dunha asemblea na Ferradura» e «As rúas percorridas para iren decote á universidade», que dialogan co texto literario; e «As rúas polas que pasa Carvalho Calero para ir dar clase á universidade. En Santiago de 1965 a 1980». Acrecenta moitos datos de interese biográfico do autor, e da cultura de Compostela e galega, con referencias mesmo ao exilio.

Xosé Ramón presentou o libro a semana pasada e está satisfeito: «a Xunta fixo unha primeira edición en papel, que gustaría de ver reeditada e nas librarías; e unha publicación dixital para distribuír a todos os centros de ensino do país», afirma. Como el ensina galego no colexio Divino Mestre de Compostela, tamén Escolas Católicas promove este traballo entre os roteiros literarios que está a incorporar como materiais didácticos relacionados con autores das Letras Galegas os últimos anos.

López Boullón non foi alumno de Carvalho Calero: «xa estaba xubilado. Cando estudei Filoloxía, Carvalho era unha gran figura, un referente, case un mito na Facultade, onde coincidía ás veces con el. Eu xa o coñecía, pois tiña amizade co meu pai e tamén fora profesor da miña irmá, en quen tamén deixou unha boa lembranza pola súa pedagoxía innovadora, no instituto Rosalía de Castro», esclarece.

No verán do ano pasado Xosé Ramón elaborou este traballo: falou coa familia, con discípulos e antigos colegas e alumnado de Carvalho; investigou en libros de entrevistas e sobre a súa traxectoria, en estudos que lle dedicaron, na Internet. O obxectivo, ben conseguido, foi «dar a coñecer a Compostela de Scórpio e a Compostela de Carvalho. Porque ao lermos Scórpio estamos a ler a vida do autor, e a maior parte da súa vida transcorre en Compostela. É a cidade onde estuda, e máis tarde o espazo vital cando regresa como profesor do instituto e da USC», afirma.

Estas etapas diferentes permiten coñecer a propia evolución da cidade: «a súa última residencia foi na rúa Carreira do Conde, onde cando el era estudante se proxectou o Ensanche da República, que era diferente. E estaba próxima do Camiño Novo, tan relacionado con Rosalía de Castro, a autora que el contribuíu decisivamente a canonizar. E o edificio do instituto Rosalía fora xa por el frecuentado como sede do Seminario de Estudos Galegos», refire.

Entre os apoios para o este traballo destaca o do arquitecto Pablo Costa Buján, da Comisión do Patrimonio Histórico de Santiago; a Biblioteca Dixital de Galicia; o Arquivo Histórico da USC; a Biblioteca Carvalho Calero do Parlamento de Galicia e diversas publicacións «alén de algunhas fotografías feitas por min e outras que me cederon», detalla.

Este libro foi tamén ocasión para lembrar o seu tempo de estudante «cando na facultade había revistas, teatro en galego ou inglés, mesmo unha actividade deportiva importante». Valora como un acerto que lle dedicasen as Letras Galegas a Carvalho «polas súas características persoais e humanas, polos seus méritos académicos, por ser un dos intelectuais máis destacados da nosa literatura, na que marcou un antes e un despois; e polo seu compromiso con Galicia e por Galicia, e polos dereitos do pobo galego. É moi relevante», conclúe.