X. R. Barreiro Fernández, historiador galego

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

SANTIAGO CIUDAD

PEPA LOSADA

23 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O que foi o noso Barreiro foi un patriota. E como tal un construtor das institucións culturais do país. Esa é a palabra que compendia todos os epítetos que, neste intre do seu pasamento, poidan aplicárselle á súa vida e á súa obra longa e fecunda. Un patriota cívico e un intelectual galeguista no oficio de historiador, sobre todo e principalmente historiador e mestre de historiadores. Móvense estes días as redes coas lembranzas dos seus exalumnos, e describe con precisión un deles, Herminio Martínez, o seu timbre de voz, grave e melodioso á vez, que servía de apoio musical ás súas leccións. Os seus alumnos lembramos sempre a súa voz. Tanto tiña do que falase, dos liberais románticos que organizaban a revolución democrática ou dos boticarios carlistas que sempre conspiraban para armar outra partida facciosa, nós viámolo falar e actuar mentres o escoitabamos na aula.

Barreiro non foi un máis. Nunha vida previa, antes de ser presidente da Academia, decano da Facultade de Historia e vicerreitor da Universidade de Santiago, foi tamén el o crego que se atreveu a dar as primeiras misas ordinarias en galego varios domingos de marzo de 1968 en Compostela, promovidas por Cantigas e Agarimos. Destemido, coa mesma paixón que puxo en todo canto fixo, incluído un compromiso político no que nunca disimulou o campo de xogo, e que sempre o levou a ollar para Galicia no mundo e non para Galicia dende a capital do Estado no que se insire. Por moitos será lembrado por aquel debate en La Clave de José Luís Balbín, cando se queixou de que non podía facerse un debate político sobre Galicia sen os nacionalistas.

Barreiro non foi un máis e por iso o seu é un legado do país. A súa é unha obra nacional, pero non por nacionalismo, senón por elección cívica do espazo e a sociedade sobre o que quixo historiar. Unha historia de Galicia construída co rigor documental e erudito que só o mellor coñecemento do pasado permite elaborar. Unha historia política, na que era especialista, na que os deputados do século XIX e os redactores das constitucións éranlle tan coñecidos como se fosen parentes e os directores dos xornais e as imprentas éranlle da familia, repartidos nos andeis da súa biblioteca. Unha historia do galeguismo que arrinca dando sentido á revolución liberal de 1846 e ao banquete de Conxo entre operarios e estudantes. Daba xenio velo no arquivo, pedindo documentos, lendo, anotando, volvendo pedir máis documentos. Puxo o mesmo corazón en todo canto fixo. Imaxinamos a súa despedida coa bandeira azul e branca e cantándolle aos rumorosos.