Guadi Galego e Cláudia Pascoal gañan o certamen aRi[t]mar, elixidas por máis de 5.000 votos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

GUADI GALEGO
GUADI GALEGO CARLOS ABAL

As súas cancións «Cólico» e «Quase dança», escollidas como as mellores en galego e portugués do ano 2020

22 mar 2021 . Actualizado a las 19:58 h.

Cólico, de Guadi Galego, e Quase dança, de Cláudia Pascoal, foron elixidas como as mellores cancións galega e portuguesa, respectivamente, do ano 2020, no certamen aRi[t]mar, organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago. Participaron más de 5.000 votos, procedentes das das comunidades educativas e sociais ddo propio centro e tamén da Facultade de Filoloxía da USC, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões, os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior, ben como centros de ensino secundario de fóra da comunidade en que se ensina galego.

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas, valorou que o certame xerou de novo moi boas expectativas e «mantivo unha igualada disputa polos primeiros postos». Resaltou tamén a participación popular, como a «máis alta de todas as edicións do certame».

A segunda fase do certamen comezará en abril, para votar, até maio, as mellores poesías galega e portuguesa. O 24 de abril tamén se fará público o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona, que ten como obxectivo «galardoar aquelas persoas, iniciativas ou institucións que se teñan destacado por tender pontes de amizade entre Galiza e a Lusofonía», segundo as bases.

O certame aRi[t]mar pretende «divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa Lusofonía». Esta lei foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en marzo de 2014. Esta iniciativa conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia; da Deputación Provincial da Coruña; do Concello de Santiago de Compostela, ben como do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e do Instituto Camões-Centro cultural Portugués de Vigo.