Xela Arias: «Só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega»

La Voz REDACCIÓN

SANTIAGO CIUDAD

A poeta e tradutora Xela Arias
A poeta e tradutora Xela Arias xulio gil | edicións xerais de galicia

A Real Academia Galega recupera na súa web unha intervención da escritora nun congreso literario en 1991

08 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En setembro de 1991 Xela Arias participou nun encontro de escritores galegos e portugueses celebrado en Santiago de Compostela, unha intervención que a Real Academia Galega, que lle dedica á escritora o Día das Letras 2021, vén de recuperar na súa web co gallo da celebración este luns do Día Internacional da Muller. Nese texto, no que Arias relacionaba os conceptos de literatura e muller, reflexionaba dende a súa propia experiencia como autora. Nese sentido, entendía a escrita como un acto de liberdade, sen pensar en que era muller, como tampouco reparaba en ser miope ou galega. Iso si, tamén advertía: «Pero tamén sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega». Xela Arias tamén era crítica coa recepción nesgada que sufriu a súa obra precisamente polo feito de ser ela muller. «Tres décadas despois, o panorama que describe Xela Arias neste texto mudou. Pero aínda queda camiño por percorrer, e hai que darlle as grazas a ela por nos axudar a percorrelo», sostén a académica Marilar Aleixandre.

O texto recuperado pola RAG xa fora publicado por Camiño Noia tras o pasamento de Xela Arias no 2003 no volume colectivo de homenaxe Xela Arias, quedas en nós. Noia gardara os papeis coa intervención da escritora e tradutora, o que lle permitiu conservar estas reflexións que en 1991 se presentaron no marco dunha mesa sobre mulleres e literatura. Arias entendía que no acto de liberdade que supón a escrita non tiña en conta o feito de ser muller, pero tampouco renunciaba á consciencia e denuncia da desigualdade de xénero, que non está ausente na súa obra. Aleixandre pon como exemplo desa ollada particular de Xela Arias un libro como Darío a diario, «onde fala da experiencia física do embarazo, do parto, da relación entre nai e fillo; e outras obras nas que fala da sensualidade, do amor ou da vida doméstica tamén desde a experiencia de muller».

Cando participou naquela mesa redonda, pasara un ano da publicación doutro dos seus poemarios, Tigres coma cabalos. Contiña 48 dos seus poemas e outras tantas imaxes da autora, núa, en branco e negro. A recepción do libro foi un exemplo, segundo Xela Arias, de prexuízos de xénero. «Somos moi hipócritas porque vivimos nunha sociedade da que a súa parte que se di culta comenta as tetas antes có significado, e mesmo só. (...) O morbo está en que eu saia entre as espidas? Falacia; poñamos un poeta, os seus textos, el como parte dos modelos, e o libro ten acollida nos seus termos de valía ou non valía, mais non de morbo. Aposto», escribiu.

A desigualdade real tamén foi obxecto das súas críticas: «Pertencemos a unha raza que precisa Instituto [da Muller], que precisa cota. O modelo segue sendo boa presenza, bos modais, e agora engádeselle: traballe coma un home, non querían ser iguais? E si, rendemos coma un home. Pero iguais quere dicir iso, iguais, e eles -na maior parte dos casos- esqueceron que deberían achegarse ao noso mundo».