Pasear en tempos víricos


Practico a miña sesión diaria do novo deporte nacional no que se converteu o paseo. Vexo un veciño que aproveita este novo andazo para ir recollendo refugallo da praia. Merda, en román paladino, que os outros conveciños -entre os que me debo incluír- botamos ou esquecemos cando gozamos dos areais. É triste, pero é así. Aplaudo interiormente o xesto e pregúntome se seremos capaces de aprender algo desta malfadada pandemia. Seremos quen de respectar por fin o noso contorno, de deixar de abusar desa falsa idea de que somos unha especie privilexiada, e coidar dos outros seres cos que compartimos o planeta? Oxalá.

Pouco máis adiante escoito como outros viandantes chaman polos seus animais de compañía cada vez máis con nomes antes reservados á especie humana: Pepe, Fermín, Elsa ou Lola. Os cadeliños responden alegres e inconscientes, supoño, a este novo proceso de humanización. Será este un sinal de que imos polo bo camiño? Oxalá.

Deixo o areal e atraveso a alameda da miña vila. Crúzome con amigos e amigas, con vellos e novos coñecidos. Os saúdos son agora secos, áridos, fuxidíos. Perdemos afectividade, arrefriáronse as relacións. Tentamos non achegarnos, as mans deixaron de ser elementos relacionais e a cara perdeu toda expresión de alegría, de ledicia ou enfado. O tempo de contacto reduciuse á mínima expresión.

Embutido na miña máscara véñenseme á cabeza aqueles versos do noso Celso Emilio: «Camiñan ao meu rente moitos homes... non os coñezo». Aquí habería que dicir que si os coñezo, pero que xa non podo nin debo partillar con eles paroladas que noutrora poderían xermolar unha bonita amizade. As relacións interpersoais desta nova realidade teñen formato audiovisual, telemático, metálico, como naquela premonitoria novela de Orwell.

Ao chegar á casa volvo escoitar a radio para saber cal é o número de infectados ou falecidos nun proceso que empezou sendo unha desgraza e agora estase convertendo nun fenómeno cotián que xa nin nos inmuta. Xa non nos paramos a pensar que esas escandalosas cifras diarias deberían ter o mesmo valor emocional que representaban para nós un accidente ferroviario ou de aviación. Non nos decatamos de que cada día estamos presenciando impasíbeis, inmutábeis, unha desas catástrofes.

Lavo as mans concienzudamente e quito a máscara que agardo me protexese nesta nova andaina solitaria. A pregunta é ata cando. Ata cando haberá que seguir nesta nova normalidade ou ata cando resistirei esta tempestade vírica.

Emilio Castro

Mestre licenciado en Pedagoxía. Exdirector do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) en Santiago de Compostela

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Pasear en tempos víricos