Divinas palabras de Valle-Inclán esculpidas nas pedras de Bonaval

SANTIAGO CIUDAD

JERRY NOIA

Montaxe teatral sobre unha escolma de textos do xenial autor dedicados a Santiago e ao seu patrimonio pétreo

06 dic 2020 . Actualizado a las 04:50 h.

Martes 8 • 12.00 horas. Claustro do Museo do Pobo Galego.

A contracorrente. Nin Valle é un autor fácil de representar nin os tempos de pandemia son para saír a escena, pero Roberto Leal e Gloria Rico (Teatro en Punto), acompañados pola música de Sabela Dacal, arriscaranse o vindeiro martes a subirse ao escenario do claustro de Bonaval para recrear esas palabras do dramaturgo que se escriben nas pedras compostelás, para poñer en escena unha escolma de textos do xenial autor dedicados a Santiago e ao seu patrimonio pétreo. «O espectáculo baséase en textos de Valle-Inclán nos que o corpo central ten que ver coa arquitectura de Santiago, de aí o título, Palabras en pedra, que xoga, por unha banda, coas divinas palabras e, pola outra, coa relación do autor coa cidade», subliña Roberto Leal.

Trátase dun novo achegamento á obra do dramaturgo arousán da man da Casa Museo Valle-Inclán da Pobra e da Concellería de Cultura de Santiago. A proposta xoga ao seu favor coa escenografía do histórico claustro barroco e cunha especial ambientación na que o vestiario e a música transportarán aos espectadores a esa época na que o autor modernista lía e escribía nas pedras de Compostela. «Pensamos que é o marco axeitado para unha escolma de textos de Valle entresacados, na súa maioría, de Jardín Umbrío, e que remata cunhas verbas de Castelao nas que di cousas moi bonitas de Valle, e que pecha cunha lembranza da súa morte na que asegura que nunca Santiago chorou tanto».

Roberto Leal e Gloria Rico soñan con espertar deste pesadelo pandémico e encher de novo patios de butacas e claustros de conventos. Non é unha mala escolla entreter esa espera na compaña de quen esculpe palabras divinas nas pedras.