Das «Cantigas de Santa María» aos videoxogos: unha exposición pon en diálogo a Galicia medieval coa actual

J. G. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Homenaxea a Afonso X e será unha das actividades culturais centrais do Xacobeo, que itinerará por varios espazos. Propón peregrinar presencialmente e virtualmente polos principais referentes galegos do chamado «rei sabio»

24 nov 2020 . Actualizado a las 10:40 h.

O 12 de xaneiro, na Igrexa da Universidade de Santiago, o Consello da Cultura Galega inaugurará a exposición Afonso X e Galicia. Estará en Compostela até o 24 de abril e despois irá a Ourense e itinerarará por outros espazos de Galicia e do exterior. Será un dos acontecementos culturais centrais do Xacobeo e quen a visiten poderán verificar como se pon en diálogo a Galicia medieval coas tecnoloxías actuais, pois mesmo haberá un videoxogo específico. Tamén se convidará a peregrinar presencialmente, ou virtualmente, polos principais referentes galegos do chamado «rei sabio». Así se indicou hoxe no lanzamento dese proxecto, coincidindo co 800 aniversario do nacemento de Afonso X, acontecido en Toledo o 23 de novembro do ano 1221.

 A exposición foi presentada pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o profesor da Universitat Autónoma de Barcelona e comisario de exhibición, Antoni Rosell; e a coordinadora dos traballos realizados para a súa materialización, Dolores Vilavedra, docente da USC.

Vello proxecto 

 Este é «un vello proxecto aparcado hai anos», explicou Rosario Álvarez. Resalta a «contribución política e cultural» de Afonso X nos ámbitos ibérico e europeo: “Aspiramos a mostrar esa realidade histórica desde unha óptica galega e polo tanto mostrar a súa vinculación con Galicia e mostrar realmente o influxo que el tivo na deriva da historia cultural de Galicia. A contribución da monarquía afonsí na cultura galega é o outro pólo. E tamén a exposición procura pór en valor, dar a coñecer, o patrimonio vinculado coa monarquía afonsí en Galicia, promovendo tamén non só o seu coñecemento senón a súa visita e a súa importancia, sen necesidade de trasladarmos as pezas á nosa exposición. Galicia enteira será un gran espazo afonsí que xirará arredor da itinerancia desta exposición», esclareceu a presidenta do Consello da Cultura. É unha exposición «moderna no fondo e na forma», que recolle os avances na investigación e no coñecemento e utiliza panéis e recursos multimedia, proxecións e outros recursos actuais, pois «pretende provocar unha experiencia máis que a visualización de pezas máis ou menos fetiches» e orientada para todos os públicos, acrecentou Álvarez.