O rostro de Galicia


O primeiro que atopan os visitantes que se achegan estes días ao museo do Gaiás para ver a exposición Galicia, de nós a nós -da que falamos hai un par de semanas nestas mesmas mareas- é o retrato e o mapa de Domingo Fontán (1788-1866). 

O retrato é un óleo de Antonio María Esquivel procedente dos fondos da Universidade de Santiago de Compostela. Nel aparece un Fontán na madurez, que o pintor representa elegantemente fardado, a carón dunha mesa, na que aviñamos un mapa, unha esfera do mundo e, nas mans, un compás.

O mapa é a Carta Xeométrica de Galicia, escala 1/100.000, na que o matemático e cartógrafo traballou durante dezasete anos (1817-1834) e imprimiu en París en 1845.

Foi o primeiro mapa realizado en España con metodoloxía científica, o primeiro que presenta dun xeito medido o verdadeiro rostro de Galicia.

Así o consideraba Ramón Otero Pedrayo, que custodiaba na Casa Grande de Trasalba un dos poucos exemplares daquela primeira impresión, a cal incorpora, ao final da súa novela Arredor de si (1930), cando o tío don Bernaldo, no leito de morte, pide ao seu sobriño, Adrián Solovio, que lle traia o mapa ao cuarto para despedirse, afirmación galeguista que vén poñer punto final á novela. Nesas derradeiras páxinas o mapa convértese en protagonista esencial, case como se fose un ser vivo.

En 1947 Otero Pedrayo viaxa a Buenos Aires, invitado polo Centro Galego, en certa maneira para despedirse do seu amigo Castelao, daquela xa enfermo. O ourensán leva consigo, desmontado en pezas, un exemplar do mapa de Fontán, que os visitantes poden contemplar nas instalacións do devandito centro.

Para a Xeración Nós era o símbolo de Galicia. Un símbolo que adquiría especial valor non tanto pola representación do país, pois había outras anteriores, algunhas moi fermosas como a do dominico Hernando de Ojea (1603), mais polo feito de ser a primera realizada con carácter científico, cuestión non menor, que cadraba moi ben coa idea de modernidade que o grupo pregoaba para a cultura galega.

O meu irmán Carlos, que é arquitecto e dá clases de matemáticas no ensino medio, utiliza o mapa de Fontán para avivar a curiosidade dos seus alumnos. Ponos a traballar na metodoloxía da triangulación do territorio para establecer distancias e levantar cartografías próximas, segundo o método clásico de Tales e Pitágoras, e os alumnos responden, ao tempo que descobren a grandeza do personaxe, que, en tempos ben distintos dos nosos, percorreu o país medindo dacabalo dunha mula cada palmo, cada encosta e cada rego, dende as Mariñas do norte ás praias de Camposancos. Dezasete anos!

Os lectores interesados poden pararse na novela Fontán, de Marcos Calveiro (Premio Repsol, 2015), unha intensa e emocionante biografía do matemático.

Somos o que somos porque, antes ca nós, outros souberon poñer os marcos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

O rostro de Galicia