A variola de 1803

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

SANTIAGO CIUDAD

EDUARDO PEREZ

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O30 de novembro dese ano partía dos peiraos da Coruña o navío María Pita con 37 persoas a bordo, entre elas 22 nenos, o que o mundo coñece como a Real Expedición Filantrópica da Variola, primeira expedición sanitaria internacional da historia. A escritora María Solar publicou unha magnífica novela, Os nenos da variola (Galaxia, 2017), na que se narran os acontecementos. Tratábase de levar a vacina ao Novo Mundo, no marco dos dominios do imperio español que daquela rexía Carlos IV. Na entrada do que entón era a Inclusa, no Hospital de Santiago de Compostela, hoxe Hostal dos Reis Católicos, hai unha placa cos nomes dos cinco pequenos que saíron deste establecemento. Outros 13 procedían da Casa da Caridade da Coruña e catro máis da Casa de Desamparados de Madrid. Todos eles a cargo da enfermeira-reitora do orfanato coruñés Isabel Zendal Gómez (Santa Mariña de Parada, Ordes), que levaba canda si o seu fillo Benito, de 9 anos, e que é unha das grandes protagonistas da historia, xunto co doutor Francisco Xavier Balmís.

Os nenos tiñan entre 9 e 3 anos, todos orfos, reclutados para transportar no corpo o virus da enfermidade, certamente letal naquela época. A primeira vacina está datada no ano 1796, en Inglaterra (Edward Jenner), dous anos despois da morte da infanta María Teresa, filla do rei español, o que sen dúbida motivou a empresa, financiada con recursos públicos. Posto que daquela non había maneira de conservar o virus activo para proceder á súa aplicación, non había cámaras frigoríficas nin outros procedementos, o transporte realizábase a través dos pequenos, inxectados de dous en dous, para desa maneira poder facer a travesía. Así chegaron ás Américas, e mesmo posteriormente a Filipinas, Macao, China…

Vén a conto a historia pola pandemia que estamos a padecer e as especulacións que se veñen facendo arredor dunha posible vacina como solución marabillosa. Certo que estes tempos son diferentes e os avances da ciencia permiten expectativas novas, mais os procesos son moi lentos. Se alguén pensa que haberá vacina en poucos meses, entendendo por tal a posibilidade de actuar sobre a poboación (as poboacións, deberíamos dicir), mellor que repase os datos da historia. A poliomielite (outro virus), que moitos lembramos na nosa infancia, aínda está viva en países de África e Asia, igual que a tuberculose, e a variola, que arrasou moitos centos de millóns de persoas ao longo da historia, aínda estaba activa no ano 1977, segundo a OMS. Para cando unha vacina contra a covid-19? Para cando a posibilidade de actuación masiva sobre a poboación, alén de previsibles especulacións financeiras, estratexias de Estado e intereses de grupo ou capital privado? Sospeito que vai ser difícil ver unha actuación filantrópica, financiada con recursos públicos e con vocación universal, como a da variola de 1803.