Marx e Engels en Compostela


Ningún dos dous viaxou á cidade do Apóstolo, cidade que, por certo, tardou en recibir o pensamento revolucionario destes dous grandes pensadores alemáns do século XIX. Pero o 25 de xullo de 1950 -hai setenta anos- aconteceu algo en Santiago de Compostela que xustifica -penso- o título deste artigo. Nesa data, un grupo de amigos galeguistas fundou a editorial Galaxia, unha editorial que, como o Fútbol Club Barcelona, foi «més que un club», máis que unha fábrica de libros moi escolleitos. Foi, desde hai setenta anos, o faro dunha constelación de institucións e actividades que definiron e consolidaron unha nova concepción galega do acontecer cultural, a moderna concepción da galeguidade. De aí veñen todos, vimos todos, mesmo os críticos, xa existentes arredor do 60. O feito foi evocado, axeitadamente, hai días, nas páxinas deste xornal por Víctor F. Freixanes e por Antón Vidal, evocación na que era elemental poñer o acento no traballo teimoso e na fraternidade patriótica de Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla, presididos, simbolicamente, polo vello Patriarca, por don Ramón Otero Pedrayo. Non había alternativa: outra política, a da confrontación co cruel aparato represivo franquista, só a facía, naquelas duras calendas, o PCE, co inmenso tributo de torturas, sufrimentos familiares e anos de prisión. É un tema que cómpre esclarecer para os novos historiadores.

Xa na fratria galeguista de Galaxia hai un binomio que esixe un estudo especial: a relación entre Ramón Piñeiro (1915-1990), o gran deseñador intelectual do grupo, e Domingo García-Sabell (1908-2003), escritor de pluma sagaz e brillante e de moitos saberes, que se decatou axiña (1951) de que Piñeiro, aquel abnegado militante e apóstolo da nova galeguidade, necesitaba algo máis ca solidariedade cívica. Foi o Federico Engels do binomio compostelán. Sabido é que Engels non só colaborou con Marx en tarefas intelectuais concretas senón que, de familia moi acomodada, termou economicamente, en varias ocasións, do fogar de Marx, e fíxoo consciente de quen era o xenio necesario da causa, unha causa na que o propio Engels era un pensador de extraordinario talento.

Domingo García-Sabell e Ramón Piñeiro foron irmáns na causa e nunca ningún dos dous se sentiu humillado nin incómodo na colaboración. Foi unha relación, humanamente, inter pares, como a de Marx e a de Engels desde 1844. Por se fose pouco, a condición económica e cultural do doutor e pensador García-Sabell, con importantes contactos no Madrid antifranquista da época (e noutros lugares), proporcionoulle a Galaxia -e ao seu estratego Piñeiro- un recoñecemento intelectual fóra de Galicia que contribuíu a desterrar a imaxe folclórica e rural da cultura galega. Pénsese nestes seis celebérrimos nomes que, en 1958, colaboran no volume, publicado por Galaxia, Homaxe a Ramón Otero Pedrayo, que é unha homenaxe á cultura galega como cultura europea: Dámaso Alonso, José Luis L. Aranguren, Américo Castro, Pedro Laín Entralgo, Gregorio Marañón e Juan Rof Carballo. Todos eles chegan a Galaxia da man dun ilustre pensador chamado Domingo García-Sabell. En setembro de 1957, eu tiven ocasión de conversar con don Américo Castro, o gran filólogo exiliado, na casa do ilustre doutor compostelán. O Engels santiagués reunía na súa casa de Compostela -mansión de xuntanzas e de cultura moderna- voces moi preclaras da intelectualidade extragalega, axiña deslumbrados polo saber do anfitrión e os xestos intelixentes e educados da súa esposa, Elena Tormo. Nesas xuntanzas, estas mentes preclaras -de Rof Carballo a Américo Castro, de Aranguren a Laín...- non tardaban en advertir que Ramón Piñeiro -o Marx calado, sobrio, persuadido e persuasor- era a personalidade esencial daquel heroico rexurdir cultural. Sabíao moi ben Domingo García-Sabell e contribuíu, inxentemente, para que así fose.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Marx e Engels en Compostela