«Non quero dedicarme a outra cousa»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

A feira de artesanía musical demostrou que este oficio segue vizoso

15 dic 2020 . Actualizado a las 19:59 h.

«Faslle unha gaita a un amigo, mercas un torno… e un día cambias o chip e dis eu teño que dedicarme a isto, non quero dedicarme a outra cousa». Alberto Pires, que estudou Enxeñaría Forestal, leva sete anos dedicado profesionalmente ao oficio de facer gaitas, pero leva máis de 15 co «bicho metido no corpo». A este luthier de Pontevedra meteulle o bicho Oli Xiráldez, un artesán da zona de Teo que alí, a poucos metros de Alberto, amosaba tamén o que son quen de facer a súas man habelenciosas.

A feira de artesanía do TradFest serviu para achegar ao público o oficio e tamén para que o oficio mesmo compartise espazo, mesa e experiencias. Atrás quedan aqueles anos nos que os segredos non se compartían. Xa non queda nada. Hoxe, a colaboración é o que se leva.

-Pero este é un oficio en perigo de extinción?

-Non ho, que vai ser.

Suso Gestal traballa en Abellá, (Frades) e a súa é a historia perfecta para demostrar que o oficio de artesán musical segue vizoso e nestes tempos de electrónica. Estudaba enxeñaría ata que se atopou coa fabricación de gaitas. «Teño cousas en madeira e teño tamén cousas impresas en 3D».

No seu posto, unha exhibición de punteiros impresos. «Empecei con isto para experimentar e mellorar os punteiros de madeira». E logo descubriu podía sonar ben «sen que houbera case diferenza». Vantaxes? O prezo e a estabilidade fronte a humidade. «Non varía tanto a afinación como a madeira». E algunha desvantaxe: a condensación nas paredes do instrumento.